O COB quere facer os deberes ante un Canoe moi novo

OURENSE

MIGUEL VILLAR

No banco ourensán alertan sobre a necesidade de controlar o rebote

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois de gañar en Marín, o Club Ourense Baloncesto afronta outro reto ante un dos conxuntos que pecha a clasificación, como é o madrileño Canoe, visitante no Pazo Paco Paz, desde as 18.15 horas.

Ante a opción dos cobistas de volver enlazar tres vitorias e afianzarse na zona nobre da táboa, Gonzalo García lembra que o Canoe é «un equipo moi novo, con xogadores de moitísimo talento, pero dos que algúns son novos na liga», antes de engadir que tamén é «un conxunto ben feito, con dous xogadores por posto». Destaca nese sentido a Kabasele na zona, pola súa capacidade de intimidación, así como a Gil no poste baixo. Tamén alerta sobre algunha sorpresa que protagonizaron, como fai un par se semanas, cando gañaron a Palma ou os problemas que lle causaron ao Breogán.

García de Vitoria tamén aludiu a algún problema físico que arrastrou o seu persoal durante a semana, personalizados no esforzo de Tshikaya: «Hai que recoñecer que Thomas está facendo un esforzo para, mesmo con dor, poder adestrar e quero encomiar a súa actitude». Con todo, o técnico está satisfeito das sesións de traballo realizada antes de afrontar unha xornada que seguirá probando a melloría dos cobistas na parcela reboteadora.

«Levamos un mes traballando moito niso, temos pensado o obxectivo de evolucionar no rebote e creo que o estamos conseguindo. Melloramos moito no ofensivo, quitando talvez a semana pasada en Marín, na que estivemos algo peor que nos partidos previos. Aínda que, hai que recoñecer que a semana pasada collemos o 80 % dos rebotes no noso aro. Esta semana, ante Canoe, será máis difícil, porque Chema Gil é un tío moi listo, Kabasele como dixen antes é moi físico, Schaftenaar é grande para ser un catro. É dicir, vánnolo a pór complicado».

Doutra banda é unha boa oportunidade para consolidarse entre os oito primeiros da táboa, nunha xornada na que Palencia se impuxo a Cáceres (87-86) nun dos duelos directos e ata Gipuzkoa caeu en Castelló (91-87).