Festa de aniversario coa UD Ourense

Por Luis M. Rodríguez OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Javier Rodríguez Outomuro cumpriu 50 anos acompañado da súa familia nas bancadas do Couto

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Que o fútbol debería ser unha festa é unha máxima que ás veces se nos esquece. Si a lembraron os familiares de Javier Rodríguez Outomuro, un funcionario ao que o seu tío converteu en fiel seguidor do Club Deportivo Ourense desde os sete anos de idade: «Deixei de ir por estudos ou traballo nalgunha época, pero sempre fun seguidor do equipo e socio a maioría dos anos, ata a súa desaparición». E, por suposto, non dubidou en subirse ao novo proxecto da Unión Deportiva Ourense, así que desde a súa fundación foi abonado: «Síntoo como o meu equipo de sempre, aínda que sexa un novo club. É raro que me perda algún domingo, porque mesmo vou velos cando xogan como visitantes, pero o pasado domingo festexabamos o meu aniversario e pensei que non podería ir». Javier chegaba aos cincuenta e unha data tan redonda merécese unha celebración especial, así que reuniu á mesa aos seus familiares, que lle dedicaron un agasallo especial no último momento: «Eu non sabía nada, pero xa decidiran acompañarme todos ao fútbol. Incluso as mulleres, que non adoitan ir. Levámonos os globos e todos animamos ao equipo, que ademais correspondeu cunha vitoria. Foi unha tarde redonda, en familia e coa UD Ourense». Aí é nada, case medio século de xornadas balompédicas no Couto. Esta vez tocou sorrir e celebrar. ¡E que cumpras moitos máis, Javier!