Habemus autonómicas

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

05 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Era sabido, aínda que non por iso estaba claro cando ía encetar. Algúns, meus pobres!, tiñan claro que ían pasar as festas de despedida do ano nunha paz morna e sen actividade no horizonte. Mais non hai tal. Nin patio de recreo mentres na meseta deciden se hai goberno ou non.

O obxectivo é o poder autonómico e o campo de xogo o 2020. Non hai data e os que gobernan andan a mirar cal lles cadra mellor para os seus intereses. Sexa primavera ou outono, o certo é que toca o exame das autonómicas galegas e os movementos xa son tan ostensibles como escandalosos. A Xunta vende con todas as bendicións mediáticas que convoca as oposicións de Educación con máis prazas de toda a súa historia, o presidente faise a foto cos representantes dos centros galegos no exterior para lles prometer montes e moreas -ao tempo que recicla o expositor galego na Expo para mudalo en punto de atención para eles- e nas redes Feijoo gábase da presenza galega na carreira dos premios Goya. E o que nos queda por chegar!

Mais non todo son bendicións. Nas aldeas galas que loitan contra o poder central miran como se pechan fábricas e os camións se botan á rúa, envorcan barcos cheos de material contaminante -dezasete anos despois dos «hilitos de plastilina» de Rajoy non avanzamos nada- e na raia berran a cachón contra o peche de servizos sanitarios -e non sei porque cavilo en Miri, a fada verinense do PP para o reto demográfico-.

Xa sen máis, que tampouco hai que agardar a xaneiro para tal cousa, declaro inaugurada a campaña das autonómicas.