«Juan Pablo II emocionouse co son da gaita que lle levamos dende Ourense»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Os músicos lembran como hai 23 anos viviron un fito na súa historia

10 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O 18 de agosto de 1996, o papa Xoán Paulo II abriu as portas da súa residencia de Castel Gandolfo (Italia) para recibir á Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Un feito que uniu para sempre ao pontífice con Ourense dando paso a unha «historia de amor», como di Xosé Lois Foxo, director da Real, que lembra este feito como un dos máis importantes da historia da formación. Todo empezou, lembra, un ano antes cando Xoán Paulo II viu a través da RAI como os mozos da Real Banda aguantaban un forte vendaval na praza do Obradoiro, sen inmutarse. Celebrábase o Día Mundial da Mocidade. Quixo coñecelos. «Non quedaba ninguén na praza do Obradoiro, so a Real se mantivo estoicamente. Alguén do Vaticano falou con nós e comezou un trámite moi longo ata que chegou o día», relata Foxo, que aínda garda como un tesouro a carta que recibiu da Santa Sé coa invitación. «Este momento marcou un antes e un despois para nós», destaca o que cualifica como un instante emocional. E tamén relata que nese encontro coñeceu a Joseph Ratzinger, cando aínda era cardeal.

Xosé Lois Foxo fala de varios momentos especiais durante aquel concerto en Castelgandolfo: «O Papa estaba só a uns metros de nós e ás rapazas da Real que estaban sentadas caíanlles as bágoas durante a actuación e Juan Pablo II emocionouse co son da gaita que levamos dende Ourense».

Eles, os compoñentes da Real, eran entón mozos moi novos, a maioría menores de idade. Unha é Virginia Pérez Sánchez, que foi a encargada de entregarlle a Xoán Paulo II unha gaita de agasallo. «Foi moi emocionante estar ao lado do papa, viaxar a Roma... Recordo que el estaba moi delicado de saúde e ata o último momento non sabiamos se ía poder recibirnos. Parece que o son das gaitas animouno e baixou a saudarnos. Tivo un detalle moi bonito, regalounos a cada un un rosario», lembra. Tan emocionado chegaron da viaxe que lembra: «Un compañeiro bicou o chan coma se fose o papa dixo ‘Vimos do ceo'». Do momento no que entregou a gaita ao pontífice afirma: «Cando a recibiu emocionouse. Para min tamén foi importante porque lle podía ter tocado a calquera mesmo ao meu irmán que tamén viaxou alí».

Este será un recordo que levará consigo toda a vida. «Poucos días despois de volver chegáronnos as fotos co papa. Os meus pais, cando as viron no xornal, estiveron desbordados de chamadas. No salón da miña casa aínda está a foto de cando lle entreguei a gaita. Preside a miña casa. Tamén teño outra cos Reis de España. Daquelas recibíannos moi ben. Foron experiencias inesquecibles Que nenos con 13 ou 14 anos viaxaba como nós? Hoxe non sairía un profesor dunha escola de música con 60 nenos ao seu cargo», di.

Antón Castro Reyes é outro deses 60 nenos. «O viaxe foi moi emocionante por varias cuestións. Era a primeira vez que faciamos una xira por toda Europa e este era un concerto moi entrañable polo feito de tocar para o papa, hoxe santo». Antón lembra que el e outros dous alumnos chegaron a Castel Gandolfo cunha camiseta que non resultou adecuada. Cousas da adolescencia. «Eran varios demos facendo posturas do Kamasutra. Eramos xóvenes», ri. De Xoán Paulo II explica: «Era unha persoa moi acolledora, moi sensible e aberta. Ata me pareceu que se emocionaba co son das gaitas. Ao fin ao cabo ese momento márcate. Ata que non estivemos alí non nos dimos conta do fito que suporía para as nosas vidas. Agora trasladado ao tempo dáste conta da importancia que tivo».

Unha xira por Europa

Antón Castro relata que aínda que agora non se xuntan moito, xa que a maioría xa non está na Real Banda, cando se reúnen seguen falando daquela experiencia, coma se ocorrese o día antes. «

Sempre sae o tema e sempre hai novas anécdotas

». El lembra tamén o especial da xira, como durmían no autobús. «

Cando chegamos a Ourense quedamos coa sensación dun traballo ben feito, unha grande satisfacción por mostrar a nosa cultura ao papa, pero tamén a outra xente. Na viaxe xuntámonos moito coa xente da emigración. E iso enche moito

», lembra.

Xosé Lois Foxo atende á conversación cos músicos e afirma coa cabeza. «Nó chegamos a ter cinco encontros con el. Juan Pablo chegou a memorizar que eu era o director», ri, e explica que o pontífice lle dixo que tiña moito respecto á Real Banda e á súa música. Un exemplo disto foi cando no Vaticano a formación ourensá encargouse de pechar un encontro interpretando Himno da Alegría, mentres se supuña que Xoán Paulo II tiña que abandonar o lugar: «O papa quedouse alí todo o tempo escoitando o tema. E nós seguiamos e seguiamos tocando, non recordo canto tempo, porque nos dixeran que seguiramos mentres se retiraba e non se daba ido. Quería seguir escoitando a música, ata que ao final lle dixeron que tiña que retirarse».

O último encontro coa banda foi no 2004. Faleceu un ano despois. «Para nós foi sempre moi emocionante, unha historia de amor co tempo». As viaxes da Real eran longos, duros, en autobús durante 10 días, con actuacións en varios países. Pero o de 1996 foi diferente. Dese encontro naceu a Muiñeira de Wojtyla, o gran agasallo inmaterial que a Real levou ao pontífice. Un tema que forma parte do repertorio de concertos por todo o mundo.

«Correspondo recoñecido formulando os meus mellores votos para que este conxunto musical continúe progresando non só no aspecto artístico senón tamén sendo unha verdadeira escola de convivencia e solidariedade, facendo que as súas actividades musicais sexan unha oportunidade privilexiada para favorecer o diálogo e a amizade entre as persoas e os pobos» dixo o Papa tras o encontro.