A axencia ourensá das «influencers»

Por María Doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Viaxes Low Cost colabora con creadoras de contido como Ana Politan, Marta Lozano ou Teresa Andrés Gonzalvo

03 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No 2010, o celanovés Benito Domínguez abriu as portas do seu propio negocio: Viaxes Low Cost. «Montei a miña propia axencia porque ese era a miña auténtica afección, tanto viaxar como organizar as viaxes. Quixen dedicarme profesionalmente ao que máis me gustaba», di. Unha vez posto en marcha decidiu sacarlle partido e dalo a coñecer aplicando outra das súas afeccións: a mercadotecnia dixital. E desta forma comezaron as colaboracións da axencia con influencers para fomentar a presenza da axencia ourensá en redes sociais.

Máis de oitocentos mil seguidores ten Marta Lozano e cincocentos mil acada Teresa Andrés Gonzalvo. As dúas son valencianas e son exemplos de creadoras de contido moi seguidas en España. As dúas estiveron en París e outros destinos da man de Viaxes Low Cost, algo que contaron a través das súas contas de Instagram. A priori trátase dunha simbiose, a axencia pon a viaxe e elas abren unha fiestra publicitaria contando a súa experiencia persoal de forma pública. Pero hai moito traballo detrás. «É importante escoller o tipo de seguidor ao que che queres dirixir, no noso caso buscabamos a xente de entre 25 e 35 anos, novos pero con independencia económica. Despois hai que pensar a que creadoras de contido segue ese público», explica Benito. O contacto con Marta e Teresa funcionou ben en canto a visitas á web. «Redirixiron cara á nosa páxina a unha chea de persoas, así que en canto a darnos a coñecer estivo xenial», admite. Outra das súas colaboradoras máis coñecidas é Ana Feijoo, AnaPolitan en Instagram. A influencer naceu en Nova York pero hai varios anos que se trasladou á cidade para casar precisamente con outro veciño de Celanova, onde ela tamén ten ascendencia. «Vinme por amor e aquí quedei. Son profesora a xornada completa pero por mor da miña lúa de mel en Bali e unha serie de casualidades acabei dedicándome tamén a crear contido en Instagram», di Ana. Por mor da proximidade naceu a colaboración con Viaxes Low Cost: «Coñecía a Benito de Celanova. Eu sempre prefiro axudar e facer contratos con alguén a quen coñezo ou que me toca de preto. Así que lle contactei e a el pareceulle boa idea». Desta forma, a creadora de contido galega viaxou a Sardeña este verán. «Ana sérvenos para xerar público ourensán e iso nótase moito», conta Benito.

O certo é que este celanovés afincado na cidade afirma que a empresa non lle vai mal. «Empecei eu só e agora xa somos catro persoas no equipo, algo que me fai moi feliz», di. Benito considera que o segredo da súa axencia está na especialización. «Estamos especializados en Asia. Temos contactos locais en todos os destinos do continente e iso nótase moitísimo á hora de pechar viaxes alí. O número uno segue sendo Tailandia aínda que nos últimos anos Xapón gañou moitos turistas», explica. Tamén conta que pouco queda xa do baixo prezo que deu nome ao local: «Empezamos facendo paquetes con aeroliñas low cost (baixo custo) cando non o facía ninguén, agora o que facemos é intentar levar iso a longo prazo distancia». Di que continuará dedicando orzamento ás colaboracións en redes sociais, entre elas ten pendente levar ao continente asiático a Ana Feijoo. Verémolo en Instagram.