O teatro feminista de The-Xastre

Por María Doallo OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

A compaña presenta «Vos segredos de Greta» no Ciclo de Teatro de Coles este domingo

12 oct 2019 . Actualizado ás 14:02 h.

«Todo comezou no 2010, cando un grupo de apaixonados das artes escénicas decidimos dar o salto ao mundo afeccionado creando a nosa compañía de teatro: The-Sastre», resume Andrés RC Yáñez, director do grupo. El é profesor e levaba anos colaborando coa escola de teatro do centro no que traballa, ensinando interpretación a máis de 35 mozos. Na última década, The-Xastre dedicouse a producir e crear as súas propias obras. Esta tempada é a quenda para Os segredos de Greta, unha representación na que se escenifica o narcisismo dun home con respecto ás mulleres que lle rodean. A obra non deixa de provocar risos alá onde vai, á vez que reivindica o papel da muller e mostra o absurdo dalgúns seres humanos. «É unha comedia disparatada, pero estamos moi contentos co resultado», conta o seu director e tamén guionista. O domingo lévana a Coles, onde participará na terceira edición do Ciclo de Teatro do municipio. Alí, ademais de risos tamén se gozará da profesionalidade e a complicidade que ten este grupo de actores ourensáns. «O elenco leva anos traballando comigo e está moi involucrado. Xuntos loitamos por abrirnos un oco no teatro de Ourense, somos moi afines e entregámonos a esta afección», di. E non lle falta razón, tanto Andrés como os tres protagonistas da obra, Silvia Alvarado, Rubén Pena e Rocío Prieto, compaxinan as súas profesións con esta afección que espremen ao máximo no seu tempo libre. De feito, xa teñen ideas para a próxima función: «Ridiculizaremos un pouco aos dous bandos da Guerra Civil». Porque, aínda que sexa negro, o humor non debe faltar nunca.