Da venda da Citroën ourensá ao falecemento de Xaquín Lorenzo

La Voz

OURENSE

PILI PROL

En 1989 encerrábanse os veciños no Concello de Allariz para pedir a dimisión do alcalde

22 sep 2019 . Actualizado ás 17:30 h.

O ano 1989 viviu episodios convulsos -no laboral, o político e o sanitario- e levou a unha das figuras de referencia da etnografía galega.

xudicial

Exército Guerrillheiro. Susana Lopes Poças foi condenada pola Audiencia Nacional a catro anos de prisión polo atentado do Exército Guerrilheiro contra un banco de Ourense.

laboral

Pedradas contra Citroën. Traballadores da Citroën ourensá apedrearon os coches que a empresa tiña preparados para a exportación. A firma cifra os danos en 160 millóns de pesetas. A acción dos traballadores está relacionada coa decisión de Citroën de vender a súa factoría ourensá a Labinal. A operación pon fin a un longo proceso no que sempre se temeu este desenlace, extremo que a empresa negou en reiteradas ocasións.

allariz

Peche no Concello. Numerosos veciños do municipio de Allariz encerráronse na sede do Concello para esixir a dimisión do alcalde, o popular Leopoldo Pérez Camba. A orixe da protesta é o alto grao de contaminación da canle do río Arnoia.

sanidade

Valdeorras bótase á rúa. Na comarca de Valdeorras celebrouse unha multitudinaria manifestación contra a reforma do Mapa Sanitario de Galicia. Máis de 20.000 persoas mobilizáronse para reclamar a creación dunha Área de Saúde para Valdeorras e que a mesma conte cos suficientes servizos de atención médica e sanitaria para dar resposta ás necesidades da comarca.

cultura

Adeus a Xaquín Lorenzo. En Lobeira faleceu aos 82 anos o etnógrafo Xaquín Lorenzo, Xocas. Herdeiro do espírito e o legado da Xeración Nós, Xaquín Lorenzo é autor de importantes traballos de investigación en etnografía e cultura popular. Presidiu o Museo do Pobo Galego.