O PSOE pide a dimisión de Baltar pola anulación dos seus 69 ascensos

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Villarino asegura que o presidente provincia é o responsable último «desta cacicada»

20 sep 2019 . Actualizado ás 08:22 h.

A confirmación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dunha sentenza que anula 69 ascensos na Deputación ourensá debería empurrar o presidente da institución provincial, José Manuel Baltar, á dimisión. El é, «segundo a lei, o responsable último desta cacicada, xa que aprobou as bases dun concurso que resultou ser unha nova trama para beneficiar aos elixidos polo baltarismo», dixo o portavoz socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino.

O PSOE solicitou un informe á xefatura de Recursos Humanos na institución sobre as consecuencias técnicas e económicas da resolución xudicial coñecida esta semana. «O fallo confirmado é tan contundente ao afirmar que se vulneraron os principios de igualdade e non discriminación para crear un ‘circuíto cerrado’ que ruboriza incluso a membros do PP que non foron premiados polo baltarismo», engade Rodríguez Villarino.

Por todo iso, o portavoz socialista cre que Baltar debe «dar a cara, asumir a súa responsabilidade e dimitir, posto que estamos ante a confirmación dunha nova trama do baltarismo para que os seus elixidos se beneficiasen da institución pública». Con todo, o portavoz do goberno popular xa informou en comisión que están a estudar presentar un recurso ante o Tribunal Supremo.