Termatalia funciona como punto de encontro e xerador de negocio

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A feira pon o acento na promoción turística e no desenvolvemento termal

20 sep 2019 . Actualizado ás 08:32 h.

A edición número 19 da Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar arrincou este xoves. Termatalia reúne a cultura da auga de 34 países nun total de 269 expositores. Na súa inauguración estiveron presentes numerosas autoridades, entre elas, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, quen sinalou a internacionalización que supón a cita. «Este encontro converte sin duda a Ourense na capital mundial do termalismo, consolidándose ano a ano como unha data ineludible para o sector, un punto de encontro para todos os profesionais e un referente para a xeración de negocio», afirmou. Vázquez Abeal aproveitou para destacar que Galicia debe seguir sendo un referente de termalismo de calidade, facendo fincapé na axuda que suporá o proxecto de Lei de aproveitamento lúdico de augas termais.

O presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, quixo resaltar a importancia que ten Ourense no sector: «A provincia está valorada como a primeira potencia termal de España e capital do termalismo. Ten unha enorme capacidade terapéutico». Desta forma animou a todos os participantes na feira e profesionais a traballar para lograr a súa inclusión no catálogo de prestacións do Sistema Nacional de Saúde xa que ofrece propiedades estudadas desde o punto de vista científico. Santalices aproveitou para lembrar a figura de Luis Rodríguez Míguez, considerado o pai do termalismo galego e un dos grandes expertos na materia.

A feira continúa este venres cun calendario de actividades repleto. Este ano pon o acento na promoción turística, na xestión de centros termais, balnearios, desenvolvemento da industria termal, augas, dermoestética e formación. A cita fomenta o intercambio de experiencias entre distintos continentes, desde un punto de vista empresarial, institucional e social, para obter unha perspectiva global do sector, co fin de impulsar o mercado estratéxico do turismo termal e do benestar. O país invitado desta edición é o Brasil, representado por Foz de Iguazú.

MIGUEL VILLAR

«Se che gusta unha auga e non outra é porque hai diferenzas en cada unha»

Mercedes González é catador. Para o común dos mortais esa profesión está directamente relacionada co viño. E sen dúbida é así, aínda que non é o único produto que abarca. Existen distintos tipos de catador en función da bebida a analizar. Mercedes forma a persoas na arte de apreciar os detalles do viño, do cava, do jerez, da champaña e ata de queixos e de aceites. Pero a especialidade que máis interesa a Termatalia é a de augas, ou o que é o mesmo, a de hidrosumiller.

Hai uns anos empezou a coñecerse a opción de pedir nalgúns dos mellores restaurantes do mundo, unha carta especializada na que escoller as características concretas da auga que se desexase beber. «Existe moito esnobismo no mundo da cata de augas. Non podemos equivocarnos, unha carta deste tipo de bebida é óptima cando é equilibrada. Cando inclúe unha auga con baixa mineralización, outra de media e unha de alta; con gas natural e con gas engadido. De feito en Galicia, con tan só dous envasadoras poderiamos facer unha carta de augas máis que completa», di. Mercedes está presente nesta edición de Termatalia levando a cabo un curso de hidrosumiller para todas as idades, ademais de participar nas catas internacionais de auga que se están desenvolvendo estes dous días en Expourense. Ten un amplo coñecemento sobre a xeografía e os matices de cada tipo de auga e non pode evitar rirse cando se lle pregunta por que no colexio ensínase que este produto non ten cheiro, nin cor, nin sabor. «Esa afirmación é moi ambigua. Unha cata de auga radica especialmente na boca. Hai unha fase visual, só para valorar que non hai alteracións, na que buscamos a auga sexa limpa, brillante e transparente. Tamén hai unha fase de nariz na que diferenciamos entre a frescura, as connotacións herbáceas ou algúns matices que lembran ás rocas da súa orixe. Todo iso para chegar á boca onde inflúe directamente a mineralización -que minerais están presentes e como están ligados-, aí é onde se expresa unha auga», explica e, para demostralo, afirma: «Cada persoa compra e bebe na súa casa unha auga concreta. Se che gusta esa e non outra, é precisamente porque hai diferenzas en cada unha de elas».

A hidrosumiller destaca, dentro das augas de mineralización débil -con moi baixo contido en minerais e xa que logo doados de filtrar polo ril- que se ofertan no salón, a ourensá Paraño, Auga Sa de Baiona e Bezoya de Segovia. Pero non son as únicas. En Termatalia atópase a colección de augas, máis de 300 de todo o mundo, do restaurante O Lar do Leitón; cuxos prezos acadan ata 14.000 euros. «É da marca estadounidense Bling H2Ou e regálase moito máis do que pensamos. É unha xoia, chea de cristais de Swarovski», finaliza.

MIGUEL VILLAR

Un total de 7.000 terminacións nerviosas atópanse nos pés

Non todo é auga termal en Termatalia, tamén é unha feira centrada na saúde e, por suposto, do benestar. Unha das actividades organizadas para o seu día de apertura foi unha conferencia sobre reflexología podal impartida por Martha Vega Revelo, propietaria de Center Life. «É unha terapia natural que traballa a nivel físico, mental e espiritual. A reflexología consiste en tratar calquera tipo de enfermidade, síntoma ou malestar, a través das 7.000 terminacións nerviosas do corpo que se atopan enfocadas cara aos pés», conta Martha. Ela mesma admite que o seu traballo non consiste en diagnosticar, non é médico. Aínda que tratan todo tipo de órganos e de problemas, faino a nivel enerxético. «O meu traballo consiste en buscar a conexión entre a mente e o corpo. Existe unha gran demanda de reflexología dentro de pacientes con problemas de tipo nervioso e emocional», engade. Pero non queda aí, a reflexóloga afirma ter chegado a tratar a pacientes con outras doenzas. «Esta terapia abarca todo o sistema e cura. É especialmente efectiva con doenzas repetidas como a hemicrania ou a dor de costas», conta. Leva 37 anos traballando como terapeuta de reflexología, tanto é así que ata chegou a avistar melloras o seu propio corpo. «A verdade é que adoito recorrer á rama na que traballo cando me atopo mal ou estou enferma», admite Martha. Di ademais que a reflexología non ten ningunha contraindicación e que pode aplicarse a pacientes de calquera idade, desde nenos ata anciáns. Entre os distintos tipos de terapias que existen, mesmo hai algúns casos que están indicados para conseguir manter unha boa alimentación que favoreza a saúde. «Comer alimentos naturais é fundamental», afirma.

Desde cociña de Costa Rica e de Azores ata unha clase de ioga

O segundo día da feira manterá ocupados a todos os asistentes con actividades practicamente cada media hora. Desde un taller de ioga infantil ás 10.15 horas; unha cata internacional de auga ás 11.00 horas ou a presentación do Congreso Internacional de Termalismo 2019 en Chaves, ás 11.30 horas. Tamén haberá unha clase de cociña con auga termal a cargo do chef Miguel González, ás 11.30 horas e outro con gastronomía de Costa Rica unha hora despois. Mercedes González dará outro curso de Hidrosumiller ás 15.30 horas. Pola tarde, a organización planeou desde talleres de tratamentos faciais, un ás 17.00 horas impartido por Maria Juárez e outro ás 17.30 horas da man de Sonia Ferreira, ata outra clase de cociña Azores.