Termatalia busca o seu futuro nos mozos e no turismo de lecer

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O salón abre a súa portas en Expourense os días 19 e 20

16 sep 2019 . Actualizado ás 20:21 h.

Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, sempre presume de cifras e a edición número 19 que arrinca este xoves non ía ser diferente. 269 expositores, 26 turoperadores e 34 países representados, con masiva presenza de América Latina e de Europa incorporando tamén ao norte de África e Asia-Pacífico, dan conta da importancia desta cita que se celebrará esta semana en Expourense. Estes datos, sumados á presenza de 67 relatores, sitúan a Ourense como centro de formación profesional en materia de termalismo.

Brasil, coa xurisdición de Foz do Iguazú, participará como país invitado nesta edición na que haberá representantes de Arxentina, México, Cabo Verde, Canadá, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, Islandia, Israel, Italia, Xordania, Rusia, Tailandia, Tunisia ou Uruguai, entre outros. De forma paralela á feira profesional, Termatalia ofrece multitude de actividades para o público en xeral. Os visitantes terán a oportunidade de recibir unha masaxe, visitar a recreación dun centro termal completamente equipado e con demostración en vivo ou probar unha das augas internacionais expostas nun bar específico da feira. A todo isto hai que sumar a posibilidade de coñecer a oferta en turismo de saúde que ofrecen os países representados na feira e entre os que destacan os expositores de España e Portugal, coa presenza das principais asociacións nacionais de balnearios de ambos os países.

Segundo explicaron os organizadores da feira e subliñou a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, que asistiu á presentación da cita, un dos obxectivos que se marcan os profesionais do sector termal é atraer a xente nova -non centrar única e preferentemente a oferta a programas do Imserso- e vendelo como unha proposta saudable para investir o tempo de lecer. Ademais, sinalou Castro, permite desestacionar o turismo, ou o que é o mesmo, ofertar ao visitante propostas para visitar Galicia durante todo o ano.

Novidades

Esta é a razón pola que esta edición dá un paso máis na promoción de estilos de vida saudables creando como novidade unha área específica que incluirá a exposición de produtos e servizos de empresas ourensás e a organización de actividades como clases de ioga ou talleres de ximnasia facial ou reflexología. Organizarase de novo unha Aula Gastronómica de Alimentación Saudable na que se impartirán talleres de cociña en directo nos que participarán recoñecidos chefs de España, Portugal) e Costa Rica.