«A gaita para min ten un significado moi especial, vai máis aló do mero traballo»

Lara Deprada OURENSE

OURENSE

Cedida

Foxo acaba de publicar a súa primeira obra literaria vencellada á exposición «Verín, enclave de gaita»

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A xove verinesa Ruth Foxo medrou escoitando o son da gaita. Agora traballa en iniciativas vinculadas ó potenciamento da mesma.

-Cando e como comezou a súa vinculación coa gaita?

-Non podería sinalar o momento no que comezou a miña vinculación coa gaita. Nacín e crecín escoitando música de gaita. Por outro lado, as primeiras clases de gaita que recibin foron aos oito anos e aos nove no conservatorio co violín. Como dato curioso, cando meu pai xa fundara Toxos e Xestas en Barcelona, recordo que escoitábamos a miúdo Fuxan os ventos.

- Que foi o que lle aportou vostede á exposición «Verín, enclave de gaita»?

-A exposición conta cunha selección de gaitas primitivas procedentes de diferentes países de Europa, África e Asia. Algunhas delas foron moi difíciles de conseguir incluso no lugar de orixe. Coa axuda do meu pai fun conseguindo que esta colección aumentase. Ademais das cornamusas, tamén se poden ver figuras de gaitas e gaiteiros entre os que destaco os músicos do retablo dos Remedios de Vilamaior do Val en Verín, unhas pezas moi interesantes do século XVII que mostran a un gaiteiro, un tamborileiro e unha pandereteira en madeira.

-Por que o fixo?

-Cando fixen o meu primeiro traballo sobre gaitas, titulado Detalles Museo Internacional de Cornamusas, pensei no interesante que sería buscar un lugar mellor acondicionado para expór ao público as gaitas, as coplas de acordes, as partituras, obras en pedra e madeira, etc.

-Considera importante fomentar este tipo de iniciativas?

-Por suposto, moitas veces descoñécese o valor do que temos en Ourense e ás veces hai que ir fóra para facer este tipo de cousas que o público reclama. Verín sempre foi terra de gaiteiros e o feito de contar cos medios necesarios para esta exposición fixo que non se dubidase en levala a cabo.

-Que lle aporta a vostede este instrumento?

-Como historiadora da arte e amante da música, a gaita ten un valor moi especial para mín. Vai máis alá do mero traballo ao que me adico, das investigacións de iconografía musical referida á gaita que eu fago. É o meu modus vivendi e así espero que sexa.

-Acaba de publicar unha obra literaria vinculada a este tema, que espera causar no público con esta publicación?

-Gustaríame que a publicación chegase ao maior número de público posible e dar a coñecer o patrimonio musical sobre gaita que existe na provincia de Ourense. Existe moita desinformación na xente en canto a que gaitas son as realmente galegas, de onde ven a gaita ou por que a gaita non é de orixe celta.