A galega premiada en Cannes, «Ou que arde », entre as primeiras confirmacións do OUFF

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

«A odisea dos giles», «Parásitos» e «The Bra» son as outras tres películas xa seleccionadas

24 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis de cincocentas películas aspiran a competir na Sección Oficial de Longametraxes da edición número 24 do Festival Internacional de Cine de Ourense. Desde o 27 de setembro e ata o 5 de outubro, a cidade das Burgas gozará da proxección dun total de doce películas, dúas máis que o ano pasado dentro desta sección. Nela competirán por un montante económico que suma 36.000 euros.

Desas cincocentas películas recibidas, 416 foron enviadas a través da web do festival e das plataformas Festhome ou Click Fest no prazo indicado, que rematou o pasado 15 de agosto. Polo resto de films interesouse directamente a organización. A maior parte das obras presentadas á Sección Oficial son longametraxes de ficción aos que lles seguen moi de preto os documentais. Os traballos abordan temáticas tan diversas como a inmigración, os conflitos sociais, a violencia de xénero, a educación, o medio ambiente ou a arte.

En canto á procedencia das películas presentadas, España é o país da maioría dos longos con máis de 150 títulos. A el séguenlle Alemaña, Arxentina e Brasil. Latinoamérica é tamén outra das zonas xeográficas de onde proceden unha amplísima representación de películas. Ademais dos citados, recibíronse traballos de Perú, Venezuela, Colombia, Uruguai, Chile, Guatemala, República Dominicana, Ecuador, O Salvador e, por suposto, México, que este ano será o epicentro cultural e cinematográfico do OUFF como país invitado. Do resto do mundo destacan títulos procedentes de Corea do Sur, Irán, Kósovo, Camerún, Israel ou Filipinas, entre outros, ata acadar máis de 70 países. Desde a organización do festival destacan a peculiaridade da presenza de lugares produtores como O Salvador, Birmania, Vanuatu, Ghana, Siria, Iraq, Senegal e Tailandia, que enviaron longametraxes por primeira vez. Non podía faltar a presenza galega cunha ducia de películas da terra.

O OUFF conta actualmente con catro traballos xa seleccionados para a súa proxección nesta sección. Trátase da premiada en Cannes, e primeiro filme en galego en participar no festival francés, Ou que arde de Oliver Laxe. A odisea dos giles de Sebastian Borensztein, que non para de acumular eloxios en Arxentina. A gañadora da Palma de Ouro, Parásitos de Bong Joon-ho. E a película muda The Bra de Veit Helmer.