«O meu obxectivo é vivir de tocar»

lara deprada / R. N. P. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Un gaiteiro carballiñés levou a cabo unha peculiar iniciativa para darse a coñecer

21 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Isidro Vidal (O Carballiño) é un amante da música, concretamente da gaita, que no ano 2018 propúxose bater o seu propio récord, e así o fixo. Ó longo dos seus 365 días compuxo, tocou e subiu ás redes unha pequena composición de gaita coñecida como #composición365.

-Como se iniciou no mundo da gaita?

-Realmente foi porque os meus pais foron a anotar ao meu irmán nas clases de gaita de O Carballiño e eu acompañeinos. Alí estaba un compañeiro meu que ía comigo á escola e pensei: eu tamén quero. De aí a dúas semanas o meu compañeiro deixouno e eu seguín pois ata agora. Daquelas tería aproximadamente uns 7 anos.

-Como xorde o reto de #Composición365?

-É unha pregunta moi difícil, que levo intentando responder dende fai case un ano. Pois eu quería sacar un disco xa que o meu obxectivo é vivir de tocar. Necesitaba unha forma de darme a coñecer e probei varias cousas: dende canles en Internet adicadas á gaita e moitas outras alternativas que non me acababan de funcionar, e o 1 de xaneiro de 2018 cando me erguín ocorréuseme iso. O que fixen foi escribir unha canción todos os días e publicala pensando: mal será que a xente non lle impresione, e a raíz de aí foi como empecei con isto.

- Todas as cancións que tocaba compúñaas vostede?

-Todas. Eran compostas de feito o mesmo día que as publicaba.

-Considera que obtivo o éxito ou recoñecemento que agardaba?

-Si, porque se miramos as cifras de descargas, a última vez que contabilicei había e torno a 50000. O crecemento en redes sociais tamén se notou bastante. Hai xente que me coñece xa fora do ámbito propio da gaita. Este mundo é moi pequeno e coñecémonos todos, pero fora dese mundo hai xente que xa me recoñece, e iso estame dando pé xa, sobre todo neste verán, a empezar a facer os primeiros concertos. Eu agora estou gravando un disco e o meu obxectivo é vendelo. Eu creo que si que superei con creces o que agardaba sobre isto.

-Na anterior edición foi vostede o encargado de poñerlle música á Festa do Pulpo, que implicou isto no ámbito profesional e persoal?

-Eu creo que sobre todo un recoñecemento no meu pobo. Ata o de agora non había un recoñecemento ós músicos. No pobo é difícil que sexan recoñecidos. Entón a raíz deste proxecto eu reuninme coas concelleiras de turismo e cultura e dixemos imos facer isto, hai unha festa que é a máis importante, está ben adicarlle unha canción. E en lugar de adicarlla aos pobos veciños pois facer algo que teña que ver co polbo. Eu non vendo só música senón que tamén vendo unha marca que é O Carballiño e o polbo. O meu redor hai unha pequena industria que se move tamén entón a eles pareceulles moi interesante que participase e a verdade é que funcionou bastante ben e raíz de isto tamén foron aparecendo cousiñas. Aquí no Barrio do 21 de Ourense cando estaban recuperando a súa me pediron que lle fixera unha muiñeira e un himno de canedo. A raíz dunha cousa van saíndo moitas outras ó redor.

-Que plans ten de cara ó futuro en relación con isto?

-Pois seguir compoñendo, seguir tocando e publicar o disco que sairá agora en outono. O obxectivo principal é inverter a balanza de beneficio, eu agora mesmo vivo de dar clase e tocar é un sobresoldo. Gustaríame que se cambiasen os papeis.

-Fai concertos fora da provincia de Ourense?

-Si, o vindeiro domingo estarei por exemplo na provincia de A Coruña e agora mesmo si que é o último que farei ata que saque o disco.

-Cando sairá finalmente?

-Aínda non hai data. Vai ser en outono, pero non se sabe concretamente cando. Canto antes mellor. Gustaríame xa telo sacado antes do verán pero finalmente considerei que non era unha boa época.

-Considera que este tipo de iniciativas en torno á música tradicional galega son necesarias actualmente?

-Por suposto. Agora existen máis actividades desde estilo. Isto o final é divulgación da nosa cultura e debería de haber máis xente que se animase a facelo, sobre todo en redes sociais.