Ourense foi a cidade que máis fondos europeos captou no 2017

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Íñigo Rolán

A provincia ourensá foi a máis beneficiada en investimento por habitante en Galicia

19 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar de que o interior de Galicia é o que fai á comunidade obxectivo prioritario dos fondos europeos, existe o convencemento xeneralizado de que ese diñeiro acaba beneficiando ás zonas costeiras e ás grandes cidades do eixo atlántico. E habitualmente é así, pero no ano 2017 -o último analizado polo Consello de Contas- Ourense foi a que máis investimentos mobilizou grazas á UE, tanto en termos absolutos como relativos.

Nese exercicio a capital ourensá percibiu 275.148,67 euros, o que supón un investimento per capita de 2,60 euros. É o rexistro máis alto das grandes cidades galegas, entre as que se aprecian dous grupos. Por unha banda, están as dúas máis poboadas, A Coruña e Vigo, que recibiron menos dun euro por habitante e, polo outro, o resto de urbes (con máis de dous euros por veciño en cada caso). Tras Ourense, a segunda no ránking é Lugo, con 2,40 euros.

O informe que o Consello de Contas fixo público revela que o ano 2017 supuxo un salto cara a adiante para a provincia de Ourense. No anterior exercicio Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra lograran captar máis fondos da UE que a capital ourensá, que nese 2016 lograra mobilizar 1,27 euros por habitante. Esta evolución en positivo podería verse comprometida no futuro debido a que foi precisamente no ano 2017 cando a candidatura ourensá para os fondos Edusi -de desenvolvemento urbano integrado- foi rexeitada. O resto de cidades galegas se recibirán eses investimentos durante os próximos exercicios e hai que ter en conta que nalgúns casos se trata chegan a quince millóns de euros.

Por provincias

Na análise do Consello de Contas inclúense os denominados Fondos Europeos Estruturais, que se enmarcan na política de cohesión e que neste período son dous: o Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE). Neste contexto, cabe destacar que o ano 2017 tamén foi positivo para Ourense se se realiza unha análise a nivel provincial dos datos recolleitos polo organismo fiscalizador galego.

A ourensá é a provincia que máis diñeiro por habitante mobilizou durante ese exercicio, 17,84 euros fronte aos 12,76 de Lugo, os 6,10 da Coruña e os 4,66 de Pontevedra. Cabe lembrar que no ano anterior, o 2016, Ourense ocupaba o segundo posto do ránking por detrás da provincia lucense. Hai que ter en conta, no entanto, que isto ocorre nun contexto de caídas xeneralizadas. A pesar de mellorar os seus datos en relación ao resto de territorios galegos, Ourense captou no ano 2017 preto de seis euros menos por habitante que no 2016.

Por outra banda, se se analizan os resultados do ano 2017 en termos absolutos, resulta que a provincia da Coruña recibiu máis diñeiro da Unión Europea que a de Ourense. A coruñesa mobilizou 6,8 millóns de euros fronte aos 5,5 millóns da ourensá, pero ten máis dun millón de habitantes fronte aos pouco máis de 300.000 que hai na de Ourense. Nese mesmo ano 2017, a de Pontevedra conseguiu 4,3 millóns de euros e a de Lugo, 4,2. Porcentualmente, a provincia ourensá quedou co 26,53 % dos fondos europeos que recibiron os concellos galegos ese ano.

Só tres concellos, Beade, Paderne de Allariz e Taboadela, quedaron sen diñeiro da UE

Segundo o informe de fiscalización de fondos europeos que fixo público o Consello de Contas, durante o ano 2017 (o último analizado por ese organismo) só houbo tres dos 92 concellos da provincia que non recibiron fondos da Unión Europea. Trátase, segundo precisa o documento, de Beade, Paderne de Allariz e Taboadela.

O ano foi, con todo, moito máis positivo para o Concello de Muíños, que foi o que máis diñeiro por habitante logrou captar da Unión Europea nese exercicio: 236,76 euros. Por amais dos cen euros sitúanse Calvos Randín, Chandrexa de Queixa, Lobeira, Manzaneda, Porqueira, A Veiga, A Arnoia, Baños de Molgas e Castro Caldelas. Son, en todos os casos, concellos de pequeno tamaño.

Nas grandes vilas hai máis veciños entre os que «repartir». Entre as que superan os 10.000 habitantes destaca O Carballiño, que logrou 8,10 euros per cápita. Barbadás, pola súa banda, quedou con tan só 3,67.