O festival Ribeiro Son do Viño engade datas na Coruña e Nigrán á xa habitual cita en San Vicente do Mar

La Voz OURENSE / LA VOZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

A primeira cita será no Grove o 13 de xullo

27 jun 2019 . Actualizado ás 08:20 h.

Ribeiro Son do Viño 2019, o festival que naceu para unir os viños da denominación de orixe Ribeiro con música con raíces galegas a beiras do mar cumpre seis anos e celebrarao o 13 de xullo no Náutico de San Vicente do Mar (O Grove) coas actuacións de Eladio e os Seres Queridos, Kokoshca, R. E. A. L., Lois, Santi Araújo e Oh Ayatollah!. A súa presentación oficial tivo lugar este mércores en Ourense cun acto no que estiveron presentes a organizadora do festival, Cristina Miranda; o presidente e xerente da D. Ou., Juan Casares e Luis Vázquez; ademais do vicepresidente en funcións da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández. Ademais de desvelar os grupos que participarán neste evento, anunciouse a súa extensión a outros lugares de costa cmo son A Coruña e Nigrán, onde haberá tamén carteis musicais «moi ambiciosos e coidados».

Desde a denominación do Ribeiro destacan que este festival é o «único de Galicia que combina música en directo con degustacoines de viño de Ribeiro na contorna máxica da praia da Barrosa, en San Vicente do Mar». Trátase dun proxecto que arrincou no ano 2013 e que agora se considera que está máis que consolidado e por iso apostouse pola expansión da marca.

No caso de San Vicente, o festival será o 13 de xullo e coas actuacións poderanse degustar viños das adegas Alberte, Villanueva, Catro Parroquias, Eduardo Bravo, viños Antonio Montero e Viña Costeira.

No caso da Coruña o festival desenvolverase o 24 de agosto, na Fundación Seoane. No escenario estará a banda Cupido, a influencer Natalia Ferviu, entre outros grupos. No caso de Nigrán, o lugar escollido é o Pazo de Cea. A aposta do Festival Ribeiro Son do Viño pasa por unha proposta de festa de verán «desenfadada e roquera». Haberá versións dos anos oitenta e noventa para brindar con viños do Ribeiro.