O «corte inglés» de Palmés repartiu café de pota e un millón de euros

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

O establecimento selou o boleto gañador do Millón de Euromillones

27 jun 2019 . Actualizado ás 08:17 h.

Igual cómprasche unha lata de atún, tómasche un café de pota, pides tabaco ou che selan a lotería. Mesmo sábados e domingos. Por iso coñéceselle desde hai tempo comoe l corte inglés de Palmés. Pois á súa longa lista de posibilidades, o martes pola noite sumouse unha máis: reparte un millón de euros.

Un único acertante elixiu este establecemento para selar o seu Euromillones. Uns números que por un pouco de diñeiro máis inclúen unha clave, a do Millón. Números e letras elixidos pola máquina non ao azar senón de forma correlativa segundo vanse adquirindo por toda España. E a sorte fixo que o SLR40980 correspondese á aposta selada en Palmés.

Cándida Conde Iglesias leva máis de media vida na tenda. Xunto a ela está o seu fillo Víctor que a axuda. Todo eran sorrisos. As de Cándida reservadas e as de Víctor máis amplas. Talvez por iso de que a prudencia se adquire coa idade. Non saben quen é o agraciado. Nin eles nin os clientes que á primeira hora da mañá entraron no bar. Só un centrou a súa mirada nas páxinas do xornal sen levantar a vista mentres o resto especulaba. Nin sequera cando na gran pantalla que Loterías e Apostas do Estado ten no establecemento apareceu o nome de Palmés como localidade agraciada. O millonario de Palmés é o número 164 dos agraciados co Millón. Non se lle esquecerá. «Esta fin de semana houbo aquí un funeral e viñeron moitas persoas de fóra. O normal é que os que selen aquí sexan de Palmés, pero neste caso non sabemos», explica Víctor. De momento, ninguén deu aviso: «Se cadra aínda non o sabe». No establecemento xa loce o cartel do premio, xunto a outro de 45.000 euros que repartiron hai pouco: «Este si que sabía quen era, porque gardamos aquí as apostas que son semanais. Eu mesmo aviseille», di Víctor. Cándida, mentres tanto, segue preparando o seu café de pota.

-E se tocásevos a vós?

-Pois creo que non pechariamos a tenda. Manteriámola aberta, pero doutro xeito, xa non pendentes do diñeiro nin de cobrar, di Víctor.

«Estaremos a agardar a ver se alguén fai obras ou se compra un coche», afirma un cliente. Por Palmés xa pasea un millonario. Ou talvez non.