Correndo por Ourense supera a barreira dos 1.100 atletas

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A inscrición volve incrementarse co gallo de a chegada ao centro da cidade en plenas festas patronais

27 jun 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

O circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense pechará xuño cunha nova edición da súa proba do centro da cidade, da que se encarga directamente a delegación federativa na provincia.

A convocatoria do próximo domingo regresa ao horario matinal para completar a primeira terna da tempada e abrir unha paréntese vacacional que interromperá a programación ata primeiros de setembro. En todo caso, a inscrición acumulada desta metade inicial do circuíto pasa xa os 1.100 inscritos, que en moitos casos tamén aproveitarán o tirón para probar fortuna nalgunhas das citas estivais, ao longo e ancho da provincia.

E é que o hábito competitivo está a callar en corredores de maior ou menor nivel, que son asiduos nas citas de carácter aberto, como a que comezará unha vez máis coa carreira dos pitufos, a partir das 11.00 horas, para desembocar na competición absoluta, que debe partir desde as 11.30 horas. En canto ao percorrido, a rúa do Paseo é o eixo de saída e chegada, partindo en dirección cara a cálea Concello, para percorrer despois Xoan XXIII, Progreso, avenida de Pontevedra, Lamas Carvajal e volta ao céntrico emprazamento de meta.

Os aspirantes ás primeiras posicións en cada categoría do circuíto deben completar polo menos cinco das seis probas da programación, polo que chegar ao verán con tres delas é un paso importante para situarse nas posicións de privilexio, que de momento comandan Luis Iglesias e Iria Fernández, tras as primeiras probas.