Envellecer entre reixas

Luis Gulín O DESCORCHADOR

OURENSE

«Os servizos sociais penais constatan que entre muros os internos envellecen máis rápido: problemas cardiovasculares, diabetes, hepatites e outras enfermidades son constantes no historial médico»

24 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai un colectivo de persoas encarceradas ao cal se lle presta pouca atención, os chamados internos sénior, os presos 60+. Un dos centros penais máis grandes de Europa, o alemán de Bielefeld-Senne, é un dos referentes para estudiosos de xeriatría penal. Ten un módulo específico para acoller ao redor de 100 persoas, con unha infraestrutura adaptada a este colectivo. Hai algúns que teñen condenas de ata 40 anos sen posibilidade de saír antes á rúa e outros que por razóns da vida entran por primeira vez en prisión sendo maiores de 60 anos, moitos deles por delitos contra a propiedade ou falsidade documental. A propia dirección xeral de centros penais do Land de Renania do Norte Westfalia recoñece que os gastos para este colectivo son máis elevados por precisar coidados e atención máis especializada. Os baños e as duchas están adaptadas, igual como as celas coas súas camas e mobles. A maioría destes internos sénior participan activamente nos diversos talleres ocupacionais, sendo obrigatoria a súa asistencia ata os 65 anos. Agora si, os servizos sociais penais constatan que entre muros os internos envellecen máis rápido: problemas cardiovasculares, diabetes, hepatites e outras enfermidades son constantes no historial médico. En casos de demencia ou dependencia grave son externalizados en residencias xeriátricas normais. O problema reside cando che dan a liberdade con 70 anos. Algúns delinquen para volver outra vez, por non ter familia, nin ingresos, nin dereito a unha praza nunha residencia.