Iván Feijoo domina a cita da Copa de Galicia no circuíto de Maceda

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CC MACEDA

Noela Saa e Andrea García tamén dominaron a categoría júnior

16 jun 2019 . Actualizado ás 09:00 h.

Tamén foi profeta en casa. Iván Feijoo, aínda na categoría sub 23, foi o gran dominador do BTT de Maceda, que reuniu a máis de cento cincuenta bikers na que xa é un dos berces do ciclismo nacional.

A undécima edición do BTT que organiza o Academia Postal Maceda volveu ser unha das probas máis rechamantes do calendario da Copa Galicia, cun espectáculo dos que crean afección. Nese escenario non podía fallar o allaricense Feijoo, que se mostrou moi sólido en todo o percorrido e marchouse en solitario cara a unha vitoria incontestable, como adoita suceder en moitas ocasións cando se integra no calendario autonómico, que alterna con citas nacionais e internacionais ao longo da tempada, sen descoidar os seus estudos de Medicina .

Tamén se mostrou solvente Irene Trabazo, outra das internacionais do pelotón galego, que dominou a clasificación feminina coa camisola do Xaxa Marín. En canto ás júniores, hai que volver enfocar ao Maceda Academia Postal, que esta vez mesmo asinou o dobrete na liña de meta coa presenza de Noela Saa e Andrea García, dúas bazas máis do conxunto ourensán no seu habitual traballo coas categorías inferiores, seguindo o tirón das súas figuras do pelotón dos mellores especialistas do país.

Descanso

O que esta vez non estivo no circuíto macedano foi Carlos Canle, outra das figuras estelares do club. O limiano está nunha fase de descanso, despois da súa participación nas citas de Júnior Series que coincidiron coa Copa do Mundo. Alí pelexa coa elite universal.