Resulta ileso tras envorcar a súa furgoneta na A-52 na Gudiña

La Voz OURENSE

OURENSE

Lucía

Eran sobre as 07.15 horas da mañá cando A. C. Q., que viaxaba desde Madrid cara a Vigo por motivos laborais,  perdeu o control do seu vehículo

11 jun 2019 . Actualizado ás 20:32 h.

A sorte estivo ao lado dun condutor que á primeira hora da mañá do martes sufriu un aparatoso accidente na A-52 á altura da Gudiña. Eran sobre as 07.15 horas da mañá cando A. C. Q., que viaxaba desde Madrid cara a Vigo por motivos laborais -é feirante-, perdeu o control do seu vehículo, saíndo da vía pola marxe esquerda da autovía, envorcando totalmente o coche sobre a mediana.

O home puido saír polo seu propio pé e a sorte fixo que nese momento non houbese ningún outro coche circulando no mesmo sentido que se puidese ver afectado, provocando un segundo accidente. Ata a zona desprazáronse o equipo de atestados do destacamento da Garda Civil de Verín e o retén de mantemento que sinalizou a zona. Polo momento non se coñecen as causas que puideron provocar o accidente, xa que o lugar do sinistro é un tramo recto que leva desde o viaduto de Mente ata a saída de Riós, nunha zona de condución ascendente e había boa climatoloxía zona. Todo fai supor que se tratou dun descoido do condutor.

Toén

Doutra banda, dous veciños de Alongos (Toén) resultaron feridos leves esta tarde, ao producirse unha colisión frontolateral entre dous turismos. O accidente produciuse, ás 15.50 horas, na estrada local pola que circulaban ambos, un saíndo e outro entrando na localidade. En un  dos vehículos viaxaba como acompañante un menor. Os dous feridos foron trasladados a senllos centros hospitalarios, con prognóstico moi leve.