Premian a dous centros de FP polo seu traballo con empresas locais

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

A Xunta pon en valor os proxectos de innovación e cooperación do Portovello e A Carballeira

10 jun 2019 . Actualizado ás 13:51 h.

Impulsar iniciativas e proxectos innovadores no ámbito da Formación Profesional e fomentar a colaboración con empresas e institucións da súa contorna. Estes son os dous obxectivos principais que teñen os premios que outorga a Consellería de Educación aos centros de FP das catro provincias. Este ano, dos 43 proxectos premiados, dous foron merecedores desta compensación económica en Ourense, un presentado polo CIFP Portovello e outro polo CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel.

Lidia Blanco , Susi Carneiro, Abel Ocampo, Segundo Varela, Alberto Redondo, Raquel Vázquez e Víctor Domínguez son os profesores do Portovello encargados de construír e impulsar o proxecto premiado: «Smart commerce: innovación dixital no comercio local». A súa iniciativa consiste en diagnosticar e implantar as estratexias competitivas dixitais específicas para cada empresa. Para iso colaboran coa Asociación de Empresarios do Centro Comercial Aberto de Ourense. «Buscamos que desde os pequenos negocios vexan Internet como unha ferramenta e non como o inimigo. Primeiro seleccionamos o perfil de comercio que buscamos, realizamos un plan de mercadotecnia dixital, coa análise das redes sociais e a presenza en web da marca. Trátase dunha implicación na que gañan ambas as partes: os que serían os nosos clientes -os donos dos comercios colaboradores- pagan aos alumnos coa oportunidade de enfrontarse a un caso real e eles devólvenllo coa aplicación das súas ideas e da súa saber», explica Víctor. No proxecto participan os estudantes do ciclo superior de Xestión de vendas e espazos comerciais e os do de Asistencia a dirección. «Queremos sacar ao alumnado das aulas e poñer en valor os coñecementos que adquiren aquí. Saír da teoría e demostrarlles que o que estudan ten unha aplicación práctica». Así o afirma Abel Ocampo, quen é ademais director do centro.

Novas ideas

En todo iso empezaron a traballar ao comezo do curso. Agora, como resultado da obtención do premio económico da Xunta, decidiron ampliar o proxecto ata decembro cunha segunda fase. Trátase da colaboración co market place do CCA -sitio web que aúna a todos os negocios asociados-. «Axudarémoslles, por exemplo, coa creación dos seus escaparates dixitais», amplía Lidia.

MIGUEL VILLAR

O outro proxecto premiado na provincia ten por título «Técnicas analíticas aplicadas ao sector alimentario». Foi elaborado por Fran Vázquez, responsable do departamento de Química do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e o equipo docente que forma con Natalia López, Marisa Pérez, Marisol Otero, Adelaida Sáa e Iria González. Nel participan os alumnos do ciclo de Laboratorio de análise e control de calidade e os de Operacións de laboratorio. A iniciativa consiste na elaboración de material didáctico para levar a cabo nos laboratorios, concretamente no control de calidade alimentario.

Teoría e prática

«Queremos relacionar o ensino do ciclo coa práctica profesional. Temos que impartir aos alumnos unha formación que demande o sector produtivo da nosa contorna e este tipo de proxectos conseguen achegalos a el», explica Fran. Aceites Abril é a empresa que colabora co proxecto da Carballeira e a encargada de pasarlles unha serie de mostras alimentarias sobre as que os estudantes traballan para definir a calidade do produto. Deste xeito, enfróntanse a situacións totalmente reais nas que teñen que decidir se os aceites son ou non válidos para o consumo en función dos resultados das probas, unha forma práctica de aplicar os coñecementos adquiridos no ciclo.