Unha vintena de concellos reforzan a atención turística este verán

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

A Xunta reparte un total de 60.000 euros en subvencións na provincia

09 jun 2019 . Actualizado ás 20:15 h.

Das 80 axudas que este ano repartiu a Xunta co fin de reforzar os servizos turísticos nos municipios galegos de cara ao verán, doce recaeron en Ourense. Nove concedidas a municipios da provincia e outras tres a mancomunidades turísticas das que se benefician ao redor de trece concellos máis. A achega económica desta subvención está dirixido a cubrir os custos de salario do persoal turístico que se suma ás oficinas durante a época estival -desde o 15 de xuño ata o 15 de setembro- co fin de reforzar os servizos. A 60.000 euros ascende a cantidade total repartida entre os concellos ourensáns beneficiados: Allariz, O Carballiño, Celanova, Leiro, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Trives, Ribadavia ou A Veiga. Tamén reciben a subvención o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín e a Mancomunidade turística dous Concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro.

No caso de Parada de Sil leva desde o 2015 recibindo esta axuda económica coa que pagan a totalidade do soldo dunha persoa a maiores na súa oficina de turismo. «Cada ano temos máis visitantes e é máis necesario reforzar con persoal turístico. Nós contamos con tres puntos de información abertos: contratamos nove meses ao ano a unha persoa para Cásaa Museo do Chocolate, outra para o mosteiro de Santa Cristina, e, grazas á subvención, ampliamos cun novo empregado na oficina de turismo durante os tres meses de verán. É a única ampliación que facemos nesta época porque a atención ao turismo levámola a cabo case durante todo o ano», explica Yolanda Jácome, alcaldesa en funcións de Parada. No caso de Trives é diferente. A oficina do municipio está aberta os 365 días, precisamente por iso a subvención serve para contratar a persoal que cubra as vacacións dos empregados indefinidos. «Ao ter dous empregados durante todo o ano, o que facemos agora é contratar a alguén que serve de apoio, tanto para facilitar as vacacións deles dúas, como para facer fronte ao nivel de poboación que aumenta no verán no municipio. Trives multiplícase por tres entre xuño e setembro. Aínda que na súa maioría se trata dun turismo procedente de familias que retornan ao concello, cada ano veñen acompañadas de amigos e familiares novos que queren gozar dos enclaves turísticos que ofrecemos», afirma o actual alcalde en funcións, Domingo Diéguez.

Concellos como o da Veiga amplían o servizo turístico non só a través da axuda da Xunta. «No noso caso a subvención cúbrenos tres meses, pero ampliamos pola nosa conta outros tres máis para ter a época de maior incremento turístico ben reforzada. Ademais, contratamos a dous socorristas a xornada completa para as dúas praias e a unha monitora que se encarga das actividades e os campamentos de verán», explica el alcalde do municipio, Juan Anta. El mesmo admite que desde o Concello dirixen gran parte dos seus esforzos a optimizar os servizos das praias fluviais, un dos seus grandes atractivos: «Na época estival a praia é fundamental para A Veiga. Estamos pendentes de mantela nas mellores condicións xa que ademais de influír o tempo tamén inflúe que somos un punto Starlight, con excelente calidade de ceo que se pode desfrutar dende ela. Nos próximos anos estamos pendentes de construír alí un cámping e un novo embarcadoiro».

As axudas son de 5.200 euros por municipio e nalgúns casos non son suficientes

Dentro da vintena de concellos que reciben este apoio da Xunta ao sector turístico, hai algúns nos que aínda fai falta máis. É o caso de Allariz, onde a tempada alta comeza en Semana Santa e mantense ata outubro. «Antes a subvención cubría un reforzo de catro meses e agora son tres. Para nós é un problema porque temos unha tempada alta moi longa. Coa nova contratación amplíamos o horario da oficina de información dúas horas e pasamos a abrila tódolos días, mentres que en inverno está pechada os luns para descanso do persoal. Aínda así, moitas veces, temos colas porque recibimos miles de turistas», afirma Cristina Cid, alcaldesa de Allariz.

Tamén en Ribadavia necesítase un reforzo maior. O municipio recibe ao redor de 100.000 visitantes ao longo de todo o ano. «É necesario aumentar con dúas persoas a xornada completa e só contamos con unha. O noso verán é unha época moi forte porque dende a oficina non só informamos senón que tamén se xestionan as entradas ao castelo e ao Museo Sefardí. Está ben que a Xunta dea unha axuda e agradecémola pero queda un pouco curta. Tamén en tempo, necesitamos máis meses de reforzo», explica el encargada de la Oficina de Turismo, Antonio Amil.