Doce polígonos ourensáns industriais mellorarán as súas infraestruturas

La Voz OURENSE

OURENSE

Responsables da Xunta visitaron a empresa Madeiras Mosquera, de Ramirás, que participa no programa Agrobiotech Innovación

26 may 2019 . Actualizado ás 10:00 h.

A Xunta comunicou a resolución da orde de axudas para melloras nos polígonos industriais. Na provincia de Ourense serán doce as zonas industriais beneficiadas, da cales sete teñen a consideración de emprendedoras. As axudas serán para obras de infraestruturas viarias, pero tamén para sistemas de vixilancia ou captación de augas. Irán aos polígonos de Cea, San Cibrao, O Barco, A Gudiña, Pontedeva, O Carballiño, Celanova, Pereiro de Aguiar, Allariz ou Xinzo de Limia.

Doutra banda, a Consellería de Medio Ambiente licitou onte o contrato de redacción do proxecto sectorial do parque empresarial de Paderne de Allariz. O importe de licitación ascende a 166.375 euros e o prazo de execución previsto é de nove meses. A superficie do parque será de 1.129.596 metros cadrados, que xerarán uns 700.000 metros cadrados de parcelas.

Innovación forestal

A empresa madeireira Mosquera Vilavidal é unha das doce pemes innovadoras que están a participar na terceira edición do programa Agrobiotech Innovación impulsado pola Xunta e polo Parque Tecnolóxico de Galicia. A empresa, situada no municipio de Ramirás, recibiu a visita do director xeral de Industria Forestal, Ignacio Lema, e da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey.