Pantanos e depuradoras

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE

19 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Eu non nacera. Pero o «Queda inaugurado este pantano» do ditador, visualizado co branco e negro do NON-DO, acabou formando parte das miñas frases feitas. Sería por unha especie de ósmosis lingüística intergeneracional. Ou así. É probable que se me dedicou a outra cousa, non usase moito esa frase, sempre con retranca. Pero fáganse cargo: empecei a traballar cando Fraga era presidente da Xunta. Inaugurábase como se comía cada día. Pero inaugurábase. Estreábanse cousas que se podían tocar. Aínda que fose unha placa que lembraba que por alí pasara o presidente da Xunta con máis quilómetros ás costas. Ou unha estación depuradora, un paseo sobre o río e un colector, como recordo que fixo Fraga alá polo 2003 en Baños de Molgas. Quedouse gravado o son das bombas de palenque que lle dedicaron ao chegar, case tan estridente como os bicos que lle daban as señoras. E o cheiro, que para iso a obra ía de cacas. Que tempos. E sen atrasos.

Se antes querían convencernos inaugurando ladrillos en época electoral, ou case electoral, agora queren facelo sen mancharse as mans cos restos de obra. Ou o que é peor, dando unha capa de pintura sobre unha realidade desconchada, coma se non fósemos darnos conta de que tras o brilli está a sucia realidade.

As promesas son talvez o máis voluble que existe nesta vida. Se as fai un político aínda máis. Poden parecer bonitas, como esas pompas de xabón xigantes que ás veces fan na rúa. Son tan brillantes. Pero de súpeto, explótanche diante da cara e móllancha. E dásche conta de que era unha pompa. De que era unha promesa electoral.

Se algúns plans políticos en campaña soan a conto chinés, os que debuxan no aire quen estiveron gobernando os últimos catro anos son aventuras animadas. Hai que ter callo para prometer cousas que non se fixeron cando tocaban, como intentando apurar a última hora os deberes pendentes para evitar o cate. E sen depuradora nin colector.