O Museo Etnolóxico liberará libros na comarca do Ribeiro e na capital

La Voz

OURENSE

23 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Co gallo da celebración do Día do Libro, 55 bibliotecas de museos e centros de arte de toda España, únense a unha experiencia de liberación de libros. A biblioteca do Museo Etnolóxico de Ribadavia liberará hoxe dez libros de duplicados e doazóns pola comarca do Ribeiro e pola cidade de Ourense.

Os exemplares conterán as instrucións necesarias para facilitar ao lector a súa participación na campaña e estarán rexistrados na páxina web http://www.bookcrossing-spain.com/, o que permite seguir a pista de calquera libro unha vez que foi liberado, así como saber quen o le e en que lugar. Tamén hai centros escolares que se unen á celebración. Hoxe Maristas organiza unha lectura continuada dunha antoloxía de textos da literatura española para Secundaria. Cruz Vermella tamén se suma. Un centenar de obras literarias serán postas a disposición da cidadanía do Barco a través dunha solta de libros solidaria que busca contribuír á loita contra a discriminación laboral. Unha actividade organizada desde o proxecto Reto Social Empresarial en materia de Inserción: Alianzas, do Plan de Emprego de Cruz Vermella en Valdeorras.

No auditorio de Celanova, terá lugar o espectáculo «Don Quixote», unha obra representada pola compaña Limiar teatro e orientada a un público maior de cinco anos. Será ás 18.00 horas e a entrada é gratuíta. Na librería Eixo aqueles que se animen só teñen que achegarse cun parágrafo dos seus libros favoritos escollido. Para participar, basta con avisar a través da súa páxina de Facebook.