«O voto útil non resultou ser moi útil para os ourensáns»

Miguel Ascón Belver
miguel Ascón OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

O avogado Iago Tabarés quere recuperar a reivindicación dun xulgado de violencia

19 abr 2019 . Actualizado ás 10:36 h.

Deixou o BNG trala crise interna do ano 2012 e agora o avogado Iago Tabarés volve para liderar a candidatura nacionalista ao Congreso por Ourense. «Vés compañeiros que había tempo que non vías e a acollida foi moi boa», di.

-Que mudou politicamente no BNG para querer volver?

-Non sei se tanto no BNG, que imaxino que si, mais sobre todo en min. Teño o convencemento de que a única posibilidade de que Galicia teña unha voz propia non supeditada ás instrucións que se reciban doutras latitudes é a do BNG. Se eu sirvo para animar á xente a dar o mesmo paso, moi ben. E eu agardo que sexan moitos máis porque temos que pensar polo noso. E está claro, esta lexislatura acreditouno, que non o vai facer por nós.

-Os de En Marea, por exemplo, tamén din «defender o noso»...

-Eu respecto moitísimo a outras forzas políticas e non me meto nas súas consideracións. En En marea, como noutras forzas, hai xente moi válida e incluso amigos, pero a realidade ensinounos o contrario. Os orzamentos de Pedro Sánchez tiñan a aprobación inicial dos antecesores de En Marea e os investimentos en Galicia eran un 27 % inferiores aos do ano anterior.

-Cando o BNG tivo representación, nunca foi por Ourense. Por que cre que agora si?

-Pola esperanza. Estamos aquí para traballar e que o día 28 a cidadanía escolla. Despois contaremos cantos votos temos. As enquisas nos dan unha inercia de suba importante. Pois sigamos así. A tendencia di que a xente dáse conta de que os deputados do BNG, cando estiveron no Congreso, defendían os intereses de Galicia. E tamén os de Ourense, non so os das súas provincias.

-Non teme a apelación ao voto útil en clave estatal pola irrupción da ultradereita nunha provincia que case sempre repartiu os seus deputados exclusivamente entre PP e PSOE?

-Eu apelo á reflexión dos electores porque o chamado voto útil non resultou ser moi útil para os ourensáns se vemos as estatísticas: seguimos perdendo poboación, estamos á cola en pensións... A votar en clave estatal é algo ao que nos están inducindo desde fora. Están dicindo que Ourense non importa, pero non é así. O voto ao BNG non hai dúbida en ninguén que vai servir para frear esa vontade de dereitización, mais tamén para que Ourense e Galicia estean no mapa. E, se non vai haber maiorías absolutas, como din todas as enquisas, é unha boa oportunidade para que unha forza propia poida influír na política estatal.

-Que primeiro proxecto lle gustaría impulsar se chega a ser deputado?

-Seguro que hai candidatos moito máis intelixentes e preparados ca min, pero non máis teimudos. E eu teño unha vella conta pendente pola que traballara moito no seu tempo, sen éxito, que é un xulgado de violencia de xénero para Ourense. Despois eu creo que temos que pór en valor os nosos elementos produtivos porque non podemos falar de despoboamento do medio rural se non facemos del un lugar onde exista traballo.