A rúa como couto privado

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

18 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Recorrer ao tópico nunca é moi recomendábel, mais aforra tempo e moitas argumentacións. E todo isto para apuntar que a realidade excede a calquera tipo de ficción.

Venres, noite, poñamos por caso entre as dez e as once. Máis camiño das once. E fixemos o escenario nun establecemento na zona de viños da cidade. Por dicir algo escribamos que sexa na rúa Fornos. E xa postos no terreo da non ficción igual se nos ocorre que temos de par a unha parella que aproveita a fin de semana para tomarse un viño nun dos bares da zona. De repente ela vai e comeza a esvarar, corpo ceibo, e cóllena a tempo para pousala a xeito no chan. Deitada, esbrancuxada, a xente do local axuda no que pode e unha muller que se achega dende unha mesa, enfermeira ela, pon orde e cabeza na lea: fóra, retirarse, espazo para que respire, nada de erguerse, aí deitada no chan, e chamar á ambulancia.

E aí empeza o pior. A ambulancia non tarda mais non pode pasar. As terrazas teñen todo ateigado e circulan as persoas, escasamente, en ringleira. Ninguén ten intención de erguer unha soa mesa para que pase a recoller á muller e compañeiro, enfermeira e persoal da ambulancia teñen que levar, como poden, á rapaza ata a Praza dos Suaves, espazo onde quedou atrapada a ambulancia.

E chegados a este punto da realidade unhas cantas preguntas: Como deixamos que nos roubasen os espazos públicos para o negocio privado? Por que non podemos sentar no Espolón? Por que mataron o rastro as terrazas? E por que os representantes da cidadanía son cómplices?