As choivas de comezos de abril non paliaron a seca do inverno

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Os encoros atópanse un 8 % por baixo do habitual nestas datas

15 abr 2019 . Actualizado ás 10:31 h.

O mes de abril comezou na provincia ourensá con choiva. Fíxoo, mesmo en cantidade, nalgunhas xornadas. Con todo, estas primeiras precipitacións da primavera non lograron paliar aínda as consecuencias dun inverno especialmente seco na provincia. Neste ano hidrolóxico, que comezou o pasado outubro, a precipitación acumulada media na provincia de Ourense ata a data foi de 756 litros por metro cúbico. Esta cifra está un 8 % por baixo da media histórica, que é de 822,6. Tampouco se chega á cifras do pasado ano por esta datas. A precipitación acumulada este mes era un 17 % maior que a actual.

Os encoros da provincia atópanse ao 63,14 % da súa capacidade máxima, un 1,34 % menos que a semana anterior. Este volume é un 16,71 % inferior que a cantidade de auga embalsada hai un ano (79,84 %,) e un 12,7 % menor que a enchida media histórica nestas datas do ano (75,83 %).

Os encoros de San Pedro, Santo Estevo e Montefurado son as presas con maior acumulación de auga, superando o 85 % da súa capacidade. O desaugadoiro destes encoros faise visible augas abaixo, coa subida perfectamente visible do Miño ao seu paso pola capital ourensá alagando as zonas inundables. Á contra, a presas máis baleiras son as de Alvarellos (río Avia), ao 39 %; o de Edrada, ao 28 %; e o do Salas, ao 40 % da súa capacidade máxima. Estas cifras son próximas á rexistradas no 2017, un ano especialmente seco na provincia, coa primeira activación da prealerta por seca.

As grandes precipitacións caídas na provincia desde que comezou o ano concentráronse nuns poucos días. A xornada máis chuviosa foi a do 4 de febreiro, seguida do 11 de marzo e do 8 de abril. Nestas datas recolléronse máis de 65 litros por metro cadrado na provincia. Trátase dun día intenso de precipitacións por cada mes, que vén referendar as consecuencias do cambio climático que falan de xornadas puntuais de intensas precipitacións con longos períodos de tempo seco.