Cociña Ourense proponse conquistar turistas polo padal

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez VILAMARÍN / LA VOZ

OURENSE

Miguel Villar

O colectivo busca promocionar a gastronomía da provincia

09 abr 2019 . Actualizado ás 08:15 h.

Moi preto de onde deron moitos deles os seus primeiros pasos nos fogóns, a escola de hostalería de Vilamarín, os trece cociñeiros ourensáns que se uniron baixo o denominador común de Cociña Ourense contaron co respaldo institucional e do mundo gastronómico. A cita foi no Pazo de Vilamarín, un escenario solemne que se abriu para o acto formal e para un cóctel preparado polos profesionais de Cociña Ourense.

Son trece, pero o grupo está aberto. «Oxalá sexamos trinta», dixo Miguel González, o presidente desta asociación que parte coa intención de «promocionar o turismo gastronómico en Ourense». Ante os seus padriños do Grupo Nove -con Miguel Campos e Javier Oleiros presentes- entre outros novos chefs galegos que destacan nos seus restaurantes, Miguel González proclamou: «Queremos ser como vós e que Ourense sexa un pouco como Galicia». Lembrou que a provincia ten catro das cinco denominacións de orixe de viños de Galicia, ademais de «produtos marabillosos». O colectivo ten un calendario de eventos dun ano e están xa traballando coa Universidade de Vigo ou cos colexios, mencionou.

Javier González, que tivo o restaurante A Rexidora con estrela Michelín, foi nomeado socio de honra de Cociña Ourense e déronlle unha chaquetilla. Leste falou para lembrar que fai trinta anos saíu de Galicia para volver e pór a súa cociña ao nivel das do País Vasco ou Cataluña. Moitos compoñentes de Cociña Ourense foron os seus discípulos. «Apoiareinos e dareilles cana sempre», prometeu.

Entre as bromas de Sergio Pazos como animador, presentáronse vídeos nos que cociñeiros como Pedro Subijana, Jorge Gago, Quique Dacosta ou Pepe Solla saudaban á nova asociación, animándolles a facer cousas xuntos, a coidar aos produtores e a manter a súa amizade. Blogueros e xente do mundo accederon ao Pazo de Vilamarín ao son dos gaiteiros da Real Banda da deputación e alí degustaron trece propostas elaboradas con produtos da terra de provedores ourensáns.