Sabía vostede?

Claudio Cerdeira ASINA INVITADA

OURENSE

PABLO ARAUJO

Claudio Cerdeira Casas é delegado do Colexio de Árbitros de Fútbol de Ourense.

25 mares 2019 . Actualizado ás 10:55 h.

No último mes sufrimos, en Ourense, dúas agresións en partidos da competición de Terceira Galicia a un colexiado menor de idade e que tan só leva no colectivo arbitral dúas tempadas. Un rapaz con ganas de mellorar e seguir progresando neste deporte. Si, neste deporte. Aínda que moitos non vexan a arbitraxe coma un deporte, os árbitros somos deportistas sen masa social que nos apoie nos terreos de xogo, xa que a nosa masa social está repartida cada sábado e cada domingo polos campos da provincia para que se poidan disputar os aproximadamente 130 partidos de fútbol que organiza a Real Federación Galega de Fútbol en Ourense, cada fin de semana.

Unha semana si e outra tamén escoitamos nos terreos de xogo frases tales como: «Co que nós estamos xogando», «Esa tarxeta non era necesaria e agora non pode xogar o importante partido que temos a vindeira semana», etcétera.… Sabía vostede que os árbitros, cada un dentro das súas posibilidades de estudos e traballo, acoden dous días á semana a unhas clases de regulamento, redacción de actas, visionamento de vídeos, etcétera ...e outros dous días á semana teñen adestramento cun preparador físico para prepararse e poder afrontar, da mellor maneira posible, o partido ou partidos que deben arbitrar durante a fin de semana? Eu estou seguro que hai moitísima xente que non sabe esta realidade, non saben que os árbitros ao final da tempada teñen a súa propia clasificación dentro da categoría na que están e que, segundo os méritos acadados durante todo o ano, mantéñense, ascenden ou descenden de categoría. Si, descenden de categoría. Quero con isto facer reflexionar a todos os xogadores e afeccionados para que vexan que os colexiados tamén están a xogar o seu partido particular, desexan levar a cabo unha actuación correcta, pero sabemos da dificultade que entraña isto de pór de acordo a dous equipos e moito máis a dúas afeccións.

Dende o Comité Galego de Árbitros, presidido polo ourensán Bernardino González, estase a traballar para a maior calidade e cantidade de colexiados en Galicia. Con iniciativas tan importantes como socializar a figura do árbitro, facendo da arbitraxe unha materia optativa en dous colexios galegos (un os Salesianos de Ourense); cursos de captación para aumentar o plantel; programa de xoves árbitros para que os menores de idade, que arbitran Segunda e Primeira Galicia e teñen condicións e ganas, poidan chegar preparados para dar o salto ás categorías de Preferente e Terceira División, etcétera... Isto todo custa moito tempo e cartos para levalo a cabo, por iso lle pido a todos aqueles axentes que forman parte do fútbol provincial, xogadores, pais, adestradores, delegados e afeccionados en xeral que reflexionen un intre e pensen que o erro na actuación dun árbitro existe e vai seguir existindo, pero tamén se equivocan os adestradores, ás veces, coa súa presentación táctica e algún xogador erra un gol «cantado», etcétera.…

Eu, que levo neste mundo da arbitraxe case 28 anos, aínda non vin insultar e moito menos agredir por estes casos, espero non velo. Dende o colectivo arbitral de Ourense, que represento, quero pedir un comportamento deportivo para todos e que non teñamos que volver a falar deste tema. A partir de hoxe agardo que sexan moitos máis os que saiban que sobre o terreo de xogo hai tres equipos e non dous «xogando o seu partido».

Claudio Cerdeira Casas é delegado do Colexio de Árbitros de Fútbol de Ourense.