Alexandro: «Na actualidade, hai dez pintores escasos e cinco están mortos»»

María Doallo Freire
María doallo OURENSE

OURENSE

Miguel Villar

O pintor ourensán mostra o seu proxecto «Lume» no Centro Cultural Marcos Valcárcel

22 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Foxe das novas tecnoloxías ata o punto de non ter WhastApp e ten claro que non todo o que pinta é pintor. O ourensán Alexandro estrea «Lume» no Centro Cultural Márcos Valcárcel. «Na actualidade hai dez pintores escasos, e cinco están mortos», así de tallante fala o artista que, asentado en Muxía, volve a casa para presentar un novo conxunto de lenzos. A exposición poderá visitarse ata o 21 de abril.

-Como nace «Lume»?

-No verán do 2006, vivín a vaga de incendios desde a Costa da Morte e impactoume moitísimo, tiña ata ganas de chorar. Tamén durante a queima masiva en outubro do 2017, trasladeime a Verín para vivilo de preto. Son circunstancias nefastas que me revolven por dentro, por iso interesoume velas en directo.

-Que nos atopamos nesta nova exposición?

-En todas as desgrazas sempre hai un punto de beleza. Neste caso concreto, trátase da paisaxe que queda. Intentei mostralo apoiándome mesmo na utilización das propias cinzas e os cascallos dos incendios que se inclúen como parte da obra.

-Trátase dunha especie de reivindicación?

-A min as queimas aféctanme como cidadán, pero a exposición non nace como unha denuncia en si mesma. É certo que se serve para dar visibilidade a este problema, alegraríame moito, aínda que a min o que me interesa da arte é a plástica e isto é un problema político.

-Que agarda vostede que experimente o espectador con esta exposición?

-Cando traballo non penso en nada, non pinto para ninguén, pero agora, unha vez que a obra está finalizada, agardo que a xente entenda o problema que supón esta realidade. Intentei suavizar as paisaxes que vin, fuxindo da cor negra para quitar o aspecto tenebroso e centrarme en darlle un punto de beleza a algo que, en por si, non o tiña. Os artistas expomos directamente o noso traballo e deixámolo a xuízo de todos, por dicilo dalgún xeito eu íspome nestes cadros. Podo dar unha especie de guía co título da exposición, pero interésame máis que o público senta ante a obra.

-Cre que seguirá profundando na paisaxe que queda despois dos incendios?

-Pintei mimosas queimadas, árbores calcinadas... creo que é algo polo que pasei e talvez non volva facelo nunca porque o superei. Ás veces o lenzo sérveme para vomitar, para expresarme e minorar calquera mal.

-Algún outro proxecto entre mans?

-Algún hai. Hai unhas semanas rematei as ilustracións para o libro autobiográfico que vai publicar Yosi e creo que o resultado quedou precioso, e moi acorde coa estética e o estilo do cantante dos Suaves.