O exportavoz municipal do PP incorpórase a Cidadáns

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL ASCÓN

O partido laranxa aínda non confirma se será o candidato á alcaldía aínda que avanza que «seguramente» será valorado

12 feb 2019 . Actualizado ás 19:24 h.

José Araújo, que ata o pasado día 29 de xaneiro era portavoz do goberno municipal do PP no Concello de Ourense e que levaba 27 anos como militante do PP, confirmou na mañá deste martes a súa incorporación a Cidadáns. Fíxoo nunha rolda de prensa que compartiu co secretario de Organización do partido laranxa en Galicia, Laureano Bermejo.

Araújo non quixo dar por feito que será o candidato á alcaldía de Cidadáns e Bermejo sinalou que a proposta debe partir da xunta directiva local, aínda que avanzou que «seguramente» valorarán a experiencia do exportavoz popular. Neste sentido, o novo militante da formación liderada por Albert Rivera destacou o traballo realizado polos dirixentes locais do partido durante os últimos meses. Araújo aludiu á enquisa de Sondaxe, que dá dous concelleiros a Cidadáns. «Eu non teño mérito ningún nese dato», sinalou, o exportavoz popular, que dixo que, se finalmenbte é designado alcaldable, aspira a gobernar con maioría. Neste sentido mostrouse aberto a pactar con todas as formacións políticas.