O domingo fareleiro arrincou o entroido máis internacional

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Xinzo arrincou a festa tiñendo de branco a súa praza Maior

11 feb 2019 . Actualizado ás 08:18 h.

Non podía empezar de mellor xeito. O entroido de Xinzo, o máis longo do país, asustou ata á choiva mañanera e o domingo fareleiro converteuse, un ano máis, no arranque de máis dun mes de festa e diversión. Aínda que na medianoite o petardazo puxo hora ao arranque oficial das mais importantes festas da localidade. A fariña sobrevoou o ceo da capital limiana e a praza Maior encheuse de participantes, non só da Limia, que non quixeron perderse a gran batalla branca. Os asiduos á cita preparáronse como manda a ocasión -con monos brancos ou azuis- e os máis incautos tiveron que enfrontarse máis tarde á difícil tarefa de non deixar un gran de fariña sobre o corpo. O domingo fareleiro permite, ademais, ver os primeiros disfraces. En Xinzo, sempre orixinais e presumindo de sentido do humor. A capital limiana estrea este ano o entroido coa declaración de festa de interese internacional, a única de Galicia. Unha responsabilidade non só para os organizadores, a comisión do entroido, senón para todos os veciños que onte demostraron que queren festa.