O pastor acusado de non alimentar ás súas cabras alega que tivo que coidar á súa muller enferma

m. v. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

José Fernández

O fiscal rebaixoulle a petición de condena tras presentar a defensa probas médicas

06 feb 2019 . Actualizado ás 19:52 h.

Non puido coidar aos seus animais coa dilixencia debida porque a súa muller estaba moi enferma e necesitaba da súa atención. É o que este martes, ante o xuíz, alegou o pastor de Riós acusado de ter a varias das súas cabras moribundas debido á falta de alimentación. Esta argumentación, sostida con probas documentais entre as que se atopan informes médicos que ratifican os problemas de saúde da esposa do denunciado, levaron onte ao fiscal a rebaixar a pena que iniciamente solicitaba para José Antonio D. Q. dun ano a seis meses de prisión.

Nunha vista que apenas durou uns minutos, o acusado recoñeceu que, efectivamente, descoidou os seus labores a cargo de unha explotación con 250 cabezas de gañado ovino-caprino, porque se centrou en coidar á súa esposa, e aceptou a condena, que inclúe a inhabilitación durante un ano para exercer calquera tipo de traballo relacionado co coidado ou a manipulación de animais.

O caso tivera a súa orixe na inspección realizada en abril do 2017 por axentes do Seprona, alertados polas condicións hixiénico-sanitarias da granxa. Na granxa atopáronse con catro cabras «en estado de caquexia debido á falta de alimentación e coidado», achando tamén a outro animal en estado moribundo. O caso cualificouse como un delito continuado de malos tratos animais.