O mercado invernal de fichaxes, coma unha bala

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CEDIDA

A incorporación do socialista Luis Castro ao PP en San Xoán de Río, a última dunha longa lista de cambios

04 feb 2019 . Actualizado ás 20:22 h.

A Liga de fútbol española acaba de pechar o coñecido como «mercado de inverno». Durante as últimas xornadas as noticias sobre fichaxes de xogadores foron reiterativas, do mesmo xeito que está a ocorrer en Ourense con outras fichaxes, neste caso políticos. As eleccións están cada vez máis preto -xa quedan menos de catro meses- e os partidos políticos buscan como reforzar as súas candidaturas tratando de pescar, nalgúns casos, en augas alleas.

«Estamos abertos á captación do talento», dicía o secretario de Organización de Cidadáns en Galicia, Laureano Bermejo, cando lle preguntaron pola posible incorporación de José Araújo. O xa exportavoz do goberno municipal do PP no Concello de Ourense dixo que se tomará uns días para tomar unha decisión, pero o partido laranxa mostrouse disposto a recibilo cos brazos abertos. Non é, en todo caso, ningunha novidade porque son varios as fichaxes de expopulares que anunciou xa Cidadáns en toda Galicia.

Tampouco é novo que o PP trate de engordar o seu número de alcaldías na provincia fichando a rexedores independentes. No pasado recente fíxoo cos dos Blancos ou Gomesende e para as próximas eleccións os populares pecharon a incorporación de Domingo Diéguez, alcalde de Trives por ATI (Agrupación Trivesa Independente). Ese caso foi aproveitado polo PSOE para acusar ao PP de » «usar millóns da Deputación para untar e fichar alcaldesposto que nos orzamentos da institución para este ano hai 79 subvencións directas para concellos e, aínda que só hai sete para concellos non gobernados polo PP, tres son para o trivés. Outra é para Concello de San Xoán de Río e, precisamente, os populares acaban de anunciar tamén a fichaxe do alcalde socialista desa localidade, Luis Castro.

En todo caso, o PSOE tamén ten experiencia neste tipo de incorporacións, aínda que en menor medida. Especialmente polémico foi o anuncio de que Xabier Oviedo, exalcalde do BNG en Maceda, será o novo candidato socialista á alcaldía da localidade. Esa decisión provocou a baixa como militante da portavoz da formación no Concello e as críticas de Compromiso por Galicia (o último partido de Oviedo), que asegurou que o PSOE estaba «baltarizándose».

De todos os xeitos, os socialistas tamén están a buscar fichaxes sen pasado político e especialmente destacable é o caso do editor Bieito Ledo, que con 74 anos volverá ao seu municipio natal, Xunqueira de Ambía, coa intención de ser o seu alcalde.