O PSOE acusa a Baltar de «untar e fichar a alcaldes» con diñeiro público

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Os socialistas creen que o presidente popular pretende «dopar» ao seu partido coa «compra sistemática de vontades»

31 ene 2019 . Actualizado ás 13:38 h.

Esta mesma semana o presidente do PP e da Deputación ourensá, José Manuel Baltar, informaba da súa última fichaxe. Domingo Diéguez, alcalde independente de Trives, encabezará a lista popular o próximo mes de maio e aos socialistas non lles pasou desapercibido o feito de que ese municipio se viu beneficiado nos últimos meses por varias subvencións directas da Deputación. Baltar, segundo o comunicado difundido este mércores polo PSOE, está a usar «millóns da Deputación para untar e fichar a alcaldes doutros partidos». Acusan o presidente popular de incumprir dese modo o pacto antitransfuguismo e lembran que, ademais do caso de Trives, nos últimos anos producíronse fichaxes similares na Bola, Rairiz de Veiga, Os Blancos ou Gomesende. Refírense máis explicitamente ao caso de Cortegada, cuxo rexedor, Avelino de Francisco, pasouse do PP ao PSOE cun «plus de fichaxe que suma 1,5 millóns públicos extraordinarios que non levaron outros municipios», engaden.