A policía autonómica reclama colaboración cidadá para investigar os incendios forestais

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O corpo de seguridade conta en Ourense con 44 axentes cando o número ideal, segundo o seu inspector xefe, é 60

22 ene 2019 . Actualizado ás 08:06 h.

A loita contra os incendios forestais, a vixilancia de vítimas de violencia machista e menores e a protección de cargos públicos da Xunta son algúns dos labores da policía autonómica. Todas estas competencias, na provincia de Ourense, asúmeas unha unidade formada por 44 axentes que onte estrearon sede no Pazo de Xustiza da capital. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acudiu á cidade para participar na apertura oficial das instalacións: «É un acto simbólico pero importante. Levabamos moito tempo, desde que se construíu o novo edificio xudicial, vendo como darlle utilidade ao pazo de xustiza. Co beneplácito e entendemento do presidente da Audiencia vimos que esta era unha boa solución». Non en balde, o alugueiro das anteriores instalacións (na contorna do Barbaña) era de 80.000 euros ao ano e o custo das obras para adecuar a planta baixa e a primeira do edificio xudicial ascendeu a 125.000 euros.

Alfonso Rueda encomiou o labor dos policías ourensáns e a gran colaboración que existe entre os distintos corpos e forzas de seguridade do estado. Aproveitou a oportunidade para demandar do Goberno un aumento no persoal, que está por baixo do 80 % dos seus efectivos. «Cremos que o incremento das competencias que van asumindo fai necesario reclamar máis axentes», dixo dirixíndose ao subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso. Leste, pola súa banda, sinalou que as novas instalacións suporán unha mellora substancial para a realización das actividades diarias da policía autonómica. Así tamén o destacou o inspector xefe de Ourense, José Pérez Estévez: «É unha mellora substancial. Ten o dobre de superficie útil para nos. Alí non había case nin calefacción».

Fernando Pico López, comisario xefe da unidade adscrita en Galicia, referiuse de forma especial aos incendios forestais na provincia como unha das dificultades principais dunha unidade que debe cubrir todo o territorio ourensán: «Quero aproveitar para pedir a colaboración cidadá. O que máis botamos en falta é que a xente colabore».

Do mesmo xeito falou o inspector xefe de Ourense. «O tema dos incendios é moi complexo. Cando cheguei aquí, hai 25 anos, encontraba entre 80 e 100 incendios forestais ao día. É moi difícil atopar indicios. Isto, unido aos poucos efectivos e a toda a xeografía que temos... Cando chegas alí podes atopar un artefacto pero ás veces non hai nada», explica. Despois de todo este tempo, José Pérez Estévez sinala que tanto os intereses madeireiros como os relacionados coa caza ou cos pastos poden darse, pero son os menos. «Que pasa co resto? Non atopas case probas. Quero pensar que detrás dos lumes está xente de cada zona. Pero os seus veciños non falan. Sen probas, vestixios e sen colaboración cidadá é moi difícil investigar un incendio intencionado. Hai un mal entendido proteccionismo entre os veciños», critica. Si se poden levar a cabo medidas preventivas, sinala Pérez Estévez, pero apunta que cun persoal mermado á que se unen as vacacións, sobre todo en época estival, é moi difícil traballar: «Agora somos 44 efectivos e a cifra idónea sería de 60. Falamos que temos competencia en toda a provincia. Chegar a Maceda, O Carballiño ou Celanova está moi ben, pero vai ata Valdeorras... Hai que pensar coa cabeciña porque as limitacións están aí».

Un déficit de axentes que se ve agravado cando actúan na protección e investigación de temas relacionados con menores en situación de desamparo. O inspector xefe de Ourense explica que o traslado dos que se atopan ingresados no centro de Montalegre, uns 300, debe ser baixo custodia policial. Neste centro ourensán está centralizado case todo o tema relacionado con menores e, polo tanto, o seu traslado a outras provincias para acudir a sedes xudiciais depende dos efectivos ourensáns. «Un traslado implica unha patrulla e o ano pasado fixemos total de 552», explica. En canto á protección de mulleres, en colaboración coas policías local e nacional, atenden a algo máis de 30 vítimas.