Reclaman melloras en despachos de billetes e servizos da estación de autobuses de Xinzo

La Voz XINZO

OURENSE

Santi M. Amil

Xinzo Adiante afirma que a concesionaria non cumpre co prego de adxudicación da Xunta

12 dic 2018 . Actualizado ás 18:59 h.

O portavoz de Xinzo Adiante, Manuel Pérez Campos, urxiu o cumprimento do prego de adxudicación da estación de autobuses de Xinzo ante as deficiencias denunciadas por varios usuarios. «Constatamos varios incumprimentos de suma gravidade», afirmou Pérez. E engadiu: «A empresa concesionaria debía crear tres postos de traballo, que non se crearon. Existe a obriga por parte da concesionaria de dispoñer dun local para o uso dos usuarios da estación de autobuses, onde figuren os horarios das distintas liñas de autobús. No mesmo local, debería haber taquillas, aseos e sala de espera á disposición dos usuarios e un posto de expedición de billetes. Non é así dende 2001».

«A empresa concesionaria ten a obriga manter a estación de autobuses en perfecto estado de limpeza e resulta que é o propio Concello quen se fai cargo destes labores, sen que lle correspondan», manifestou o edil. Xinzo Adiante urxiu á Xunta a resolución das deficiencias ou, no seu caso, a rescisión do contrato.