Piden explicacións pola concesión do cartel do entroido de Xinzo sen concurso

La Voz XINZO

OURENSE

Santi M. Amil

Xinzo Adiante reclama que se convoque un certame público para designar ao gañador por votación popular

12 dic 2018 . Actualizado ás 18:59 h.

A decisión da comisión do entroido de Xinzo de adxudicar o deseño dos carteis das festas do entroido de 2018 e 2019 sen concurso público, como era tradicional, provocou o malestar do grupo Xinzo Adiante. O seu portavoz, Manuel Pérez Campos, considerou que «é un sinsentido adxudicar un ano antes o gañador do 2019. Non sabíamos nada. Hai meses se nos dixo que non se convocou o certame en 2018 para encargar un deseño de calidade, dacordo coa pretensión de reforzar a candidatura do carnaval como festa de interés turístico internacional».

«Tampouco e lóxico encarecer o custe do cartel de 500 euros, como cando se facía por votación popular, a 850. Cremos que se debería volver a convocar o certamen no futuro e non nos parece de recibo esta decisión, que non foi consultada coa oposición», remarcou.

Pérez tamén censurou a decisión do goberno local de contratar catro carrozas foráneas por un importe total de 4.800 euros para o desfile do Martes de 2018. «Deberíase incentivar ou sufragar con algunha aportación as carrozas locais», reflectiu.