Estúpido

Ruth Nóvoa de Manuel
Ruth Nóvoa DE ESGUELLO

OURENSE

09 dic 2018 . Actualizado ás 17:32 h.

Ata 60.000 euros en sete anos conseguiu estafar unha muller que presumía de moverse entre poderosos e que ofrecía empregos ou xestións. Podería haber timo máis ourensán? Si, como o Pequeno Nicolás pero en feminino, con denominación de orixe e usurpando as siglas do PP.

Sempre pensei que as vítimas da estampita levan no pecado a penitencia. E algo parecido penso neste caso. Algo de razón terei cando a policía recoñecía esta semana que sospeita que existen máis casos que os denunciados pero esas outras vítima temen dicilo en voz alta porque, á fin e ao cabo, pagarlle a alguén por un posto de traballo público ou para salvar algún trámite administrativo, por unha suposta relación co poder, non é nada ejemplarizante. Certo é tamén que a Policía os anima a denunciar e tranquilízaos dicindo que iso seu non é delito. É outra cousa. E é triste.

É verdade que vista non lle faltou á estafadora. Unha provincia na que un ex presidente da Deputación acabou condenado por prevaricación por enchufar a máis de cen presentas e outro (¡aí vai!, o fillo do anterior) foi denunciado por ofrecer un posto de traballo a cambio de sexo (caso sen percorrido xudicial pero cuns audios para a posteridade) parecíalle á agora detida terreo abonado para as súas ofertas laborais.

Pero, se a estampita víase tan clara, por que caeron os que caeron? Porque viven nesa mesma provincia da que falaba antes: prevaricación, postos de traballo, favores, amizades que son tan perigosas como vantaxosas... ¡esas cousas!

Se houbo quen quixo botarlle a man a esta estampita foi porque tiña a sensación de era posible, de que as cousas funcionan así, de que deste xeito se moven algúns dos que teñen poder, de que un emprego público pode conseguirse con miles de euros...

Con permiso de Clinton: é Ourense, estúpido.