A Deputación prestará a súa maquinaria para limpar as franxas de protección dos concellos fronte aos incendios forestais

La Voz OURENSE

OURENSE

Alberte Paz Garza

José Manuel Baltar mantivo un encontro co conselleiro de Medio Rural, José González

04 dic 2018 . Actualizado ás 17:02 h.

O conselleiro de Medio Rural, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, no que o segundo lle pediu a implicación da Xunta para estudar a posibilidade de crear na provincia un Centro Tecnolóxico Forestal, para a explotación racional do monte e a súa dinamización, unha idea que Baltar lanzou no debate sobre o estado da provincia. Tamén falaron do Observatorio do Rural, unha iniciativa que ten como obxectivo analizar mercados, competitividade, perspectiva de emprego e proxectos de innovación para o agro.

No encontro, Baltar tamén puxo sobre a mesa a necesidade de elaborar un plan estratéxico para a denominación de orixe Ribeiro, sen citar, polo menos no comunicado enviado aos medios, as tres que hai a provincia (Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra). O plan buscaría «incrementar o seu atractivo cara a crear emprego e novas empresas, co obxectivo de seguir formando parte das preferencias dos consumidores, axudando tamén na estratexia turística», segundo explicaron desde o organismo provincial.

Xuntos avanzaron nos termos do convenio que Deputación e Medio Rural asinarán para pór a disposición a maquinaria da Deputación para complementar a limpeza de franxas de seguridade nos concellos, no ámbito da prevención de incendios.