A oferta por Internet dunha thermomix a metade de prezo era unha estafa

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MARCOS MÍGUEZ

A fiscalía pide para a acusada un ano de prisión, á parte de esixirlle a devolución de 450 euros e a taxa de 8,63 euros polo xiro postal que abonou o frustrado comprador

16 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Parecía unha ganga. Pero ao final non foi tal. O próximo día 24 cumpriranse catro anos do día en que un ourensán, veciño do centro urbano, atopou nunha coñecida páxina web un anunciou de venda dunha Thermomix. Tendo en conta que o robot de cociña, adquirido na súa propia canle de distribución, rolda os mil euros, a perspectiva de compralo por 450 euros era golosa. Non lle importou ao comprador o gasto engadido de 8,63 euros polo xiro postal, de acordo coas esixencias do vendedor, con quen antes falou por teléfono. Era unha estafa. Pagou e nada recibiu a cambio, salvo o prexuízo de perder diñeiro e a incomodidade de denunciar e verse como testemuña nun procedemento xudicial. A acusada enfróntase a unha petición fiscal dun ano de prisión, á parte da devolución dos 450 euros ao comprador.

A vendedora detallaba no seu anuncio que era unha máquina nova. Tiña documentación, segundo indicaba. Había que chamar a un número de teléfono móbil e o cliente fíxoo. Dicíanlle que preguntase por Paloma ou por Miguel. Non lle sorprendeu que o xiro postal o fixese a nome doutra persoa, a agora acusada Cristina M. R., que cobrou nunha sucursal de Correos en Madrid.

A Thermomix non chegaba. O prexudicado sentiuse estafado e denunciou. A fiscalía acusa á vendedora de estafa. Nunca tivo a máquina nin tampouco, intención de cumprir o convido.