«Foi un regalazo traballar en 'Fariña' e temos un gran cariño ao que se fixo»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

XOAN A. ADOITAR

O ourensán, que participa en «Serramoura», empezará a gravar axiña para outra serie de televisión

23 ene 2019 . Actualizado ás 20:41 h.

Olle ben para el. Seguro que o coñece de sobra. Non, non é un romeiro que rematou o camiño e está a descansar no Obradoiro, por máis que iso semelle evidente ao ver a imaxe. Certo! É o avogado máis malo malísimo de cantos leva visto na televisión nos últimos anos. Ese amigo dos narcos que andaban na fariña e dos políticos que se remexían cando a eles. Si, tamén o letrado que esta metido alá por Serramoura. Un caso este ourensán do 77 que se atopou co teatro na Universidade Laboral, con Ánxeles Cuña como mentora, e que decidiu coller o camiño da arte para facer del o seu proxecto vital.

Pasaron anos dende aquel grupo Tarumba da Laboral e Tito Asorey tense significado en moitas facetas profesionais -actor, director, axudante de dirección- e en proxectos teatrais, series de televisión e cine. Leva recollido un importante número de galardóns, dende a etapa dos Premios Buero de Teatro Joven aos María Casares e Sarabela, na súa primeira etapa, e Il Maquinario Teatro, nos últimos anos, son os seus proxectos de referencia. Entre os últimos traballos están Fariña e, como director, Somos criminais.

-«Fariña» marcou un fito e un novo camiño na producción de series para televisión. Como valora a experiencia?

-Foi un regalazo poder participar nese proxecto. Tantos actores como membros do equipo tivemos unha implicación especial no mesmo. Metímonos de cheo e temos un gran cariño ao que se fixo. Aínda mantemos o grupo de whatsapp e seguimos comunicándonos por el.

-A vostede tamén lle mandaron recado, como a Carlos Blanco?

-Si, mais non foi o mesmo. Chegoume algunha mensaxe e tamén me comentaron cousas polo facebook algunhas persoas, pero con non facer caso xa está.

-Vai rematar de avogado?

-Xa ves! Fixeno en Fariña, en Pazo de Familia e fágoo en Serramoura.

-Xa case saca a carreira!

-A carreira non sei, pero co que levo traballado o papel case que teño máis méritos dos que piden por aí para dar un máster (ri!).

-Como fixo para «controlar» a Carlos Blanco e Touriñan en «Somos criminais»?

-Foi xenial dirixilos, todo un pracer traballar con eles. Superentregados en todo momento e cun espectáculo que arrasou. Metimos máis de 30.000 espectadores nas funcións. Pasámolo moi ben con esa montaxe.

-En que traballa na actualidade?

-Sigo en Serramoura -dende o 2014 forma parte do elenco fixo da serie de Voz Audiovisual- e participei na película Arima, da directora Jaione Cambordo, que se vai estrear agora. E vou empezar a gravar unha serie en Madrid.

-En cal vai participar?

-Xa está todo pechado, pero por agora non se pode adiantar nada.

-As montaxes do grupo Il Maquinario Teatro foron recoñecidas por crítica e público. Traballan nalgunha nova proposta escénica?

-O proxecto está agora un pouco parado polos diferentes compromisos dos que formamos parte del, incluída unha maternidade. No meu caso co que xa comentamos e cunha obra con Melania Cruz.

-Cal vai ser?

-Estamos traballando nun monólogo dela que se vai titular O empapelado amarelo. A nosa previsión pasa por estrear a montaxe en febreiro do 2019.