«Hai que recuperar o medio rural; de aí vén a nosa identidade cultural»

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alex Carausan

O investigador ourensán Juan José Gil Martínez quere pór en marcha un proxecto agroforestal

13 jun 2018 . Actualizado ás 16:00 h.

A ninguén se lle escapa que o medio rural galego, tamén o ourensán, sofre un enorme abandono. Os pobos vanse quedando sen xente e o medio de vida que alimentou a xeracións no pasado deixou de explotarse porque agora toda a actividade económica, ou polo menos gran parte dela, concéntrase nas cidades. Tratar, na medida das súas posibilidades, de reverter esta situación, é o obxectivo do ourensán Juan José Gil Martínez. Con 25 anos, o seu proxecto acaba de gañar un dos premios Incuvi que anualmente convoca a Universidade de Vigo, cos que se pretende converter en empresas proxectos universitarios.

-Por que ese interese en recuperar o medio rural?

-Despois de rematar o grao de Enxeñería en Tecnoloxías industriais na Universidade de Vigo, funme a Valencia para estudar un máster en cooperación ao desenvolvemento, cunha especialidade en planificación integral da contorna local; ademais, completei a formación cun diploma de especialización en sustentabilidade, ética ecolóxica e educación ambiental. O máster dáme ferramentas para planificar o desenvolvemento local, mentres que o diploma me facilita o poder facer isto cunha visión sostible.

-Así que esta idea sempre estivo na súa cabeza.

-Así é. Todo isto o estudei polo meu interese no medio rural como punto do que provén a identidade cultural dos pobos. Toda a cultura vén do medio rural: a música, a gastronomía, etcétera, e é un lugar que desde a segunda metade do século XX sufriu un éxodo masivo que repercutiu na economía. Por iso o que eu pretendo é recuperar este medio e conseguir que volva ser unha fonte de riqueza para a poboación.

-E que propón exactamente?

-Aproveitar os recursos para xerar emprego, atraendo así tamén a máis poboación. A idea é centrarme nunha zona da comarca de Castro Caldelas, onde se comprarían ou alugarían leiras de castiñeiros. Logo habería que limpalas, porque moitas están en moi mal estado, para poder recoller a castaña en tempada e logo comercializala. É posible, iso xa o sei, que sexa complicado reunir os terreos debido ao minifundio, polo que necesitaría a colaboración do Concello, pero iso xa sería outra fase do proxecto.

-Que vantaxes achégalle ter sido un dos gañadores da convocatoria universitaria?

-Isto é, sin duda, unha gran oportunidade. Durante un ano tanto eu como os outros emprendedores que fomos seleccionados estaremos nun niño da Tecnópole, onde nos darán a formación que precisamos para estudar a viabilidade dos proxectos. No meu caso, isto é o que eu necesitaba, porque realmente non sei nada de constituír unha empresa.

-Pensou que tipo de empresa querería pór en marcha se esta idea sae adiante?

-O obxectivo é que o que agora é unha idea convértase co tempo nunha cooperativa. Gústame esa idea de negocio porque é unha fórmula integradora para o medio rural, e tamén o que é clave é que quen viven nesta contorna participen no proxecto e polo tanto implíquense no coidado do monte. Isto tamén favorecería que desaparecesen os incendios forestais porque a ninguén se lle ocorrería queimar o seu medio de vida. De feito, ese tamén é outro dos obxectivos, loitar contra os lumes.

-Como serán os próximos meses na Tecnópole?

-Todo se orientará a mellorar a formación e a realizar un estudo de mercado, valorando as distintas opcións que existen para converter esta idea en negocio, nunha empresa que poida dar beneficios e ser rendible. Ao rematar este ano xa saberemos se o proxecto é viable, aínda que nunca imos ter o cento por cento de certeza, pero si contaremos con máis información para saber se o proxecto pode saír adiante ou non. Ademais, existe a posibilidade de optar, dentro de doce meses, a unha segunda fase desta convocatoria, o Incuvi Avanza, que xa permite constituír a empresa e recibir unha axuda económica; eu agardo chegar a este paso.