Patrocinado por Patrocinadopor

O PP defende un cambio nos criterios para conceder viñedos

La Voz XINZO / LA VOZ

AGRICULTURA

Santi M. Amil

Vos grupo provincial popular pide á Xunta que tome medidas debido ao rexeite masivo de autorizacións a novas plantacións

12 jun 2018 . Actualizado ás 16:15 h.

O grupo provincial popular presentou unha moción para o seu debate no pleno ordinario de xuño na que solicitará a adopción de medidas urxentes para adaptar os criterios de concesión de novas plantacións de viñedo á realidade do sector en Ourense.

A iniciativa do PP parte da preocupación amosada por viticultores e adegueiros ourensáns, que están a ver como se rexeitan de modo masivo as autorizacións de novas plantacións, «o que vai incidir a medio e longo prazo nas explotacións vitícolas, que verán limitadas as súas posibilidades de crecemento e viabilidade futura», manifestou a deputada popular Ana Villarino.

A causa das denegacións reside nos criterios de admisión de novas solicitudes, reguladas por un real decreto de xullo de 2017 en aplicación dunha nova normativa europea para a xestión de plantacións de viñedo. Ademais de esixir capacidade e competencia profesionais, o real decreto determina que para acceder ás autorizacións será imprescindible acreditar que a produción agrícola é a actividade principal do solicitante.

Un criterio, explicou Villarino, que non ten en conta a estrutura do sector na provincia e no resto de Galicia, «onde a maior parte dos viticultores teñen outras actividades profesionais como fonte principal de ingresos».