A Catedral de Ourense recibiu en dous anos preto de 60.000 visitantes

Fina Ulloa
fina Ulloa OURESNE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

A empresa que xestiona o servizo iniciará en xuño unha mellora da iluminación

22 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

En maio do 2016 a Catedral de Ourense puxo en marcha un sistema de visitas con audioguías ao prezo de cinco euros. Desde entón preto de 60.000 persoas realizaron o itinerario que marcan as quince entradas ou gravacións nas que se repasa a historia do templo, desde a construción das distintas épocas a detalles dos elementos máis emblemáticos, apuntamentos artísticos ou curiosidades do devir histórico relacionados co principal templo da Diocese de Ourense. Pode parecer un número importante pero segundo matiza Francisco Cañizares, o coordinador de Arti Splendori -empresa que asumiu a xestión do servizo- «non acadamos as previsións que tiñamos para estes dous anos, pero non estivo mal». Cañizares matiza que «é normal que ao principio o fluxo de visitas vaia algo máis lento; sobre todo cando, como ocorre aquí, é a primeira vez que se pon en marcha un sistema deste tipo».

Para intentar mellorar os datos, a empresa prepara xa un plan de consolidación entre os xestores turísticos, desde as oficinas de información ao visitante ás axencias de viaxes e os guías turísticos. E é que Ourense se enfronta a outro hándicap que xa se puxo de manifesto en setembro daquel ano nunha enquisa que desvelou que o 52 % dos que chegaban á cidade descoñecían que tivese unha catedral.

Outra medida é ampliar o horario evitando o peche ao mediodía. A partir de agora, de marzo a outubro o servizo está aberto de forma ininterrompida desde as 11.30, ata as 19.30 horas. Os domingos, dado que o servizo relixioso finaliza máis tarde, tamén se atrasa a apertura para os visitantes.

Outra das melloras que se porá en marcha xa o próximo mes é o cambio de iluminación. Preténdese evitar unha das queixas máis repetidas na enquisa de satisfacción que esta empresa realiza entre os visitantes. «O consumo do actual sistema de iluminación é enorme. Preparamos un plan para investir neste aspecto porque temos que cambiar todas as lámpadas actuais por outras de led para mellorar a iluminación sen disparar o consumo. Farémolo por fases e a primeira comezará en xuño», sinala o coordinador de Arti Splendori para a catedral ourensá.

Cinco mil ourensáns, gratis

Aínda que o inicio do cobro polas visitas xerou algunha polémica entre os ourensáns, dentro dos 60.000 visitantes que coñeceron algo mellor a catedral ourensá están 5.000 veciños da provincia. Para eles a vista con audioguía é gratuíta, xa que esa era unha das condicións do contrato coa empresa. Calquera residente da Diocese de Ourense, sexa cal for o municipio ao que pertenza, pode reclamar esa vantaxe. A empresa ten unha listaxe con todos os núcleos e os ourensáns só teñen que mostrar o seu DNI ou calquera outro recibo ou documento que acredite a súa residencia dentro da Diocese de Ourense.

Non son os únicos que non pagan os cinco euros que fixa a tarifa. Tamén as persoas con discapacidade ou os menores de doce anos poden realizar a visita e dispor da súa audioguía completamente gratis. Os maiores de 65 anos teñen unha redución de tarifa -foron 7.000 os xubilados que pasaron nestes dous anos a coñecer o templo- e hai tarifas especiais para peregrinos, mozos ata 25 anos e tamén para grupos.

Australia, Chile ou Corea son as orixes máis afastadas entre os turistas rexistrados

O rexistro de visitas da empresa Arti Splendore correspondente a estes dous primeiros anos de funcionamento das autoguías na catedral ourensá reflexa que a maioría son persoas adultas en idade produtiva. Ademais os que chegan en grupos organizados superan nun milleiro aos que realizan a visita individual. Queda claro tamén que a maioría dos que se animan a esta experiencia son nacionais. Os galegos lideran esa listaxe, seguidos dos madrileños. En terceiro lugar, aínda que a bastante distancia en canto a número, están os andaluces. Castela e León é a cuarta comunidade que máis turistas envía e os cataláns son quintos. No extremo oposto, Ceuta e Melilla son os territorios que menos visitantes achegaron.

Incorporación do alemán

En canto aos que chegan doutros países, Portugal, Francia e Alemaña son, por esa orde, as procedencias máis habituais. Por certo que, en atención precisamente á boa posición dos xermanos no ránking de visitantes ao principal templo ourensán, a empresa decidiu incluír o alemán aos idiomas dispoñibles na audioguía xa desde este mes de maio.

Pero a catedral non só recibe a europeos. Hai unha ampla listaxe de nacionalidades que quedaron reflectidas nos últimos 24 meses co paso deses sesenta mil visitantes. Entre os máis afastados xeograficamente, sorprenden casos como os de Australia, que aparece ata en 103 ocasións. Tamén se rexistraron 27 coreanos e tres chegados desde Chile.