Desactivado o nivel 2 de alerta no incendio de Viana do Bolo

La Voz LA VOZ / OURENSE

OURENSE

A chamas achegáronse pola noite á aldea de Tabazoa de Umoso, aínda que os servizos de extinción evitaron que chegase ao pobo

24 sep 2017 . Actualizado ás 18:38 h.

Entrado xa o outono, os incendios continúan na provincia de Ourense. Esta mesma mañá a Consellería de Medio Rural activou, como medida preventiva, o nivel 2 de alerta no lume forestal que se rexistra no concello de Viana do Bolo, debido á proximidade das chamas co núcleo de poboación de Tabazoa de Umoso. Aínda que durante algúns minutos se barallou a posibilidade de desaloxar aos veciños, finalmente isto non foi necesario. Ao parecer, agora mesmo a situación xa está máis controlada e Medio Rural confirmou que se rebaixou o nivel de alerta. A superficie calcinada xa supera as cen hectáreas. Na zona está despregado un amplo dispositivo de extinción, conformado por tres axentes forestais, catorce brigadas, oito motobombas e tres avións. 

Ademais, permanece controlado o lume que afecta a 31 hectáreas na Mezquita, no que os medios de extinción tamén seguen traballando.