Ourense acolle a primeira feira forestal e agrícola

La Voz

OURENSE

XOAN CARLOS GIL

En 1997 celebrábase o certame sectorial en Expourense

21 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

As instalacións de Expourense serven de sede para a celebración do primeiro Salón Forestal e Tecno-Agrícola, unha experiencia pioneira que quere ser referencia para toda Galicia. O director do salón, José Manuel Rodríguez, recoñece que a feira ten como obxectivo o de exercer de punto de encontro e que «nace coa finalidade de unir unha serie de sectores, os da área forestal, que están moi dispersos, e brindar aos seus profesionais unha plataforma que lles sirva como referencia para a súa actividade e os seus proxectos». Lembra que Galicia produce máis do 50 % da madeira nacional pero que non se xera valor engadido, ao realizar a transformación fóra da comunidade. Está convencido de que «Ourense ten unha gran riqueza forestal e debe coller a bandeira e tirar do sector. Se Galicia é a capital forestal europea, Ourense ten que ser o seu pórtico». Destaca o director do Salón Forestal e Tecno-Agrícola a faceta profesional do evento e a vontade de rotar a súa celebración pola provincia.