Os grupos políticos ventilan en nove minutos o primeiro debate orzamentario da Deputación

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

DEPUTACIÓN DE OURENSE

O PP renuncia a incrementar os plans provinciais de obras

21 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os temas que se tratan nos plenos da Deputación de Ourense pasan unha semana antes polas coñecidas como «comisións informativas», un órgano con representación de todos os grupos da corporación provincial. Alí debátense e ditaminan os asuntos que despois se aprobarán, ou non, nas sesións plenarias, como onte ocorreu cos orzamentos da Deputación para o ano 2018. A toma en consideración do documento máis importante para a xestión económica da institución durante o próximo exercicio durou oito minutos e 35 segundos.

A Comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía reuniuse onte ás 17.30 horas presidida polo socialista Francisco Fraga (como novidade, neste mandato o goberno decidiu delegar esa responsabilidade nun deputado da oposición). Asistiron seis representantes do executivo popular e cinco da oposición (tres do PSOE, un de Democracia Ourensá e outro do BNG) e a súa presenza supón 140 euros por cabeza, sen contar cos outros 140 euros que poden cobrar por acudir ás reunións previas ás comisións informativas que cada grupo pode celebrar (os que teñen dedicación non ingresan este tipo de compensacións).

Chegado o momento de debater o proxecto de orzamentos presentado o goberno provincial, o responsable do servizo de Intervención, Xosé Mosquera, deu lectura á proposta de acordo. Posteriormente interveu a socialista Isabel Gil, que se referiu o incremento no capítulo de persoal. O funcionario explicou que se debe á previsión da subida de soldos do 2 % para todos os traballadores públicos e a un proxecto de 1,5 millóns de euros financiado polo Fondo Social de Emprego da UE. Tamén pediu a palabra Vicente Gómez, do PSOE, que se interesou por outra partida de 1,5 millóns, neste caso para «infraestruturas municipais».

Tras un breve debate sobre eses detalles, que non chegou aos nove minutos, o asunto foi sometido a votación e, como é habitual, o goberno do PP apoiou a proposta e a oposición abstívose, o que equivale a reservar o sentido do seu voto para a sesión plenaria do próximo día 29, no que se aprobarán os orzamentos da Deputación para o próximo ano, que ascenden a 80,7 millóns de euros.

Nesa suma inclúense os coñecidos como «plans provinciais», unha achega que a institución realiza a todos os concellos por igual e que este ano se sitúa en 51.000 euros. Esa contía non sobe a pesar de que no programa de goberno do Partido Popular para este mandato -o Plan 15-19- establece o obxectivo de incrementar esa axuda ata os 60.000 euros por concello. «Hai momentos nos que as prioridades cambian», resumiu o presidente da Comisión de Cooperación, Pablo Pérez, que explicou que o executivo do PP preferiu apostar polo plan de apoio ao emprego, que repartirá un máximo de 20.000 euros por concello.

As reunións previas ao pleno celebradas onte polos representantes dos catro grupos políticos da Deputación serviron tamén para ditaminar favorablemente unha moción do Partido Popular pedindo axudas polos danos que provocou a saraiba.