«Pechado por Derriba» analiza a desaparición do Ourense

Luis Manuel Rodríguez González
luís m. rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CEDIDA

Un coloquio sobre a disolución do club reforzará a estrea

20 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os principais motivos do adeus do histórico Club Deportivo Ourense, consumado o pasado xullo de 2014, son o eixo do documental «Pechado por Derriba», a obra de cinco xornalistas que dedicaron varios meses á investigación desas causas.

Será presentado na capital ourensá o próximo día 23 (19.00 horas) no Centro Cultural Marcos Valcárcel e trátase da obra de Jose Riveiro, Borja e Edgar Melchor, David Valverde e Marcos Martín. É este último o que aclara: «Eramos cinco amigos no último ano de carreira e cando pensamos nun traballo de final de grao, pareceunos interesante a investigación sobre o que sucedía en torno ao Ourense, aínda que só Edgar e Borja son desa provincia. Despois mergullámonos na investigación a fondo e a verdade é que estamos satisfeitos con todo o que conseguimos reflectir».

A estrea irá acompañado dun coloquio con protagonistas e a entrada será gratuíta con capacidade limitada, algo a ter en conta, porque o trailer do documental xa superou as 4.000 reproducións.

O mesmo Martín resalta que o traballo de recompilación de testemuños conta con «declaracións dunha vintena de fontes, algunhas delas xamais contactadas ata entón». Directivos, xogadores, traballadores, economistas e outras persoas vinculadas de modo directo ao final do club rojillo achegan a súa verdade nunha curtametraxe duns trinta minutos de duración, explicando detalles sobre a situación real do club.

Os propios autores realizaron a gravación entre os pasados meses de novembro a xuño, en distintos puntos da capital ourensá, incluído o campo do Couto, aínda que tamén se desprazaron fóra de Galicia para contactar con outras persoas a ter en conta.